«En media hora camiñando dende o centro da cidade aínda nos poñemos no Ourense medieval»

Antonio Nespereira

SOBRADO

Este antropólogo ten dedicado moitos anos e publicado moitas obras á investigación da historia local e galega

30 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Alá polos anos 70, Xosé Antón chega a Ourense como profesor do Colexio Universitario que xa levaba funcionando no Posío tres anos. Da unha volta pola zona, métese polas rúas do casco histórico e decide tomar algo. Ve que hai moitos bares, a maioría cunhas luces moi rechamantes e entra nun deles. «Pronto me din conta que o sitio ao que entrara non era o que eu pretendía», lembra cun sorriso. Era, efectivamente, un dos moitos locais de ambiente que deron durante décadas a ese lugar da cidade o pintoresco nome de barrio chino. Pero iso tamén é antropoloxía social.

Xosé Antón Fidalgo Santamarina, antropólogo, investigador, profesor universitario ou presidente do Ateneo é un dos analistas máis salientables que ten hoxe a cidade, unha urbe na que percibiu certas «portas pechadas para os que vimos de fóra porque esas portas chirrían moito, sobre todo as de distintas institucións». Cando recala en 1975 ve «a imaxe propia da sociedade burguesa, cunhas cafeterías con certo ambiente, unha xuventude que viste ben e con xestos de certa modernidade».

Esas son parte das súas lembranzas cando chega a Ourense. Pero Xosé Antón, que xa se sinte ourensán, naceu en Sobrado dos Monxes. Procede dunha familia acomodada do rural galego xa que seu pai tiña un negocio deses típicos das aldeas «onde se podía mercar uns zapatos ou os equipos para a malla». Daquela os modelos familiares poñían en práctica normas non escritas, como a de que estudasen os fillos varóns.

El aproveitou a ocasión e pasou, por exemplo, polo seminario, un centro do que recoñece «unha boa formación aínda que moi ideolóxica». Lembra con certo desacougo os seus problemas coa lingua. El era, e segue sendo, galegofalante pero na ditadura de Franco iso non estaba moi ben visto, sobre todo na escola e incluso recoñece que «me daban malas notas por falar en galego».

Historia da cidade

Pasou pola Universidade de Salamanca e hoxe ostenta, entre outros títulos, o de doutor en Filosofía. Decántase pola Antropoloxía e afirma que aínda hoxe «intento non deixar de aprender dos nosos galegos», unha sociedade da que salienta esa difícil dicotomía «entre dicir o que pensan ou dicir o que deixa quedar ben».

Distingue entre dúas disciplinas cuios límites aparecen un tanto difusos, sobre todo para os profanos que confunden ou non distinguen entre etnografía e antropoloxía. Da primeira indica que se trata da ciencia que «fai un inventario das cousas» mentres que a segunda «é a análise desas cousas».

Obviamente trátase dunha definición sinxela, pedestre si se quere, pero que está ao alcance de todos os non iniciados. Os modos de vida dos galegos en xeral pero tamén dos ourensáns teñen ocupado moitas horas de estudo e moito traballo de recompilación en varios libros que ten publicados.

Salienta, case como anécdota definitoria do que pensa, que «teño visto a vestimenta dos grupos folclóricos e non se ateñen para nada á nosa historia popular. Hai moito folclore e pouca etnografía».

El, como investigador, é dos da vella escola, «dos que non se fían das enquisas para chegar a conclusións científicas; hai que mancharse as botas». É dicir, as fontes do saber non están no Google.

Ourense, pensa, é un territorio de contrastes no so xeográficos, senón sociais. A provincia gábase moitas veces de ter certo aire cosmopolita, pero ten fondas lagoas, moitas desigualdades. Xosé Antón sinala moi graficamente que «en media hora camiñando dende o centro da cidade podemos poñernos na época medieval sexa cal sexa o camiño que collamos».

Estudosos

Como profesor universitario está en contacto coa xuventude, á que considera con moitos valores, mesmo preparada pero con matices. Por exemplo, ¿coñecen a historia de Ourense? Estima que «a xuventude actual ten uns intereses moi focalizados na sociedade posmoderna e todo o que non sexa práctico non lle interesa moito» ou que «cando vas aos xóvenes con teorías tes moitas posibilidades de fracasar porque ao mellor non reparan en que hai que formarse en metodoloxías para investigar e todo iso leva un tempo que non lle dedican».

Xosé Antón Fidalgo é unha persoa rica en matices, sempre dedicada ao mundo da cultura. É o presidente do Ateneo, una entidade que está a pasar por serias dificultades. Será por iso polo que sinala que está «aguantando». Pese ás dificultades opina que «o Ateneo ten futuro, claro que o ten, pero será unicamente o que a sociedade ourensán queira».

É dicir, si morre de inanición social ninguén botará unha bágoa. Recoñece que «estas entidades non poden competir con outras que organizan actos culturais semellantes con cartos públicos, pero facer iso con persoal dabondo e moitos cartos é moi fácil; o difícil é facelo como o facemos nós: case sin medios». O Ateneo sobrevive a duras penas, con moito esforzo por parte da súa directiva. A carencia de socios leva á institución a ter graves problemas para financiarse e ten mensualmente un déficit de mil euros. Facer cousas así é de intrépidos ou de filántropos.