Manuel Guede gaña o premio Rafael Dieste de teatro

María Vidal Míguez
maría vidal A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O autor obtivo o galardón pola súa obra «A función do tequila», sobre a viaxe de Castelao a Nova York

20 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O autor e director teatral Manuel Guede Oliva fíxose coa décimo quinta edición do premio de teatro Rafael Dieste coa obra A función do tequila, un texto sobre a presenza dunha espía da CIA arredor do matrimonio de Castelao e Virxinia Pereira en Nova York nos anos sesenta. O premio, instituído pola Deputación da Coruña, está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación da obra galardoada e da representación da mesma en diversos escenarios da provincia.

O presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, que subliñou que o texto foi seleccionado por unanimidade, indicou tamén, que ademais do premio en metálico, o Rafael Dieste ten o valor engadido de permitir ao autor gañador editar a súa obra «completando a maior biblioteca de teatro galego que existe en Galicia».

Guede, pola súa banda, mostrouse «moi contento» co recoñecemento da súa obra, a que cualifica como «un traballo de creación». Sinalou como «moi boa noticia para a literatura galega» o feito de que este ano se presentasen 27 orixinais (a segunda edición que máis textos recibiu), xa que «a escrita teatral é a mais complexa».

O actor Manuel Manquiña, que actuou como voceiro do xurado destacou a «coincidencia absoluta» do mesmo na selección da obra gañadora, da que subliñou a «solidez» dun texto «doado de ler e interpretar, no que se dá un xogo entre ficción e realidade», que se desenvolve «nun espazo escénico moi atractivo». «Todos os textos teatrais nacen coa vontade de ser representados, e supoño que ademais a miña experiencia como director de escena tería algo que ver», apuntou Guede.

O comisario do certame, o actor e director teatral Antonio Simón, resaltou tamén a traxectoria profesional de Manuel Guede, ao que definiu como «un excelente autor e un home de teatro».

Director do CDG

Guede foi director do Centro Dramático Galego desde 1991 ata o 2005. É autor de poesía, narrativa e obras de teatro, e traduciu e adaptou para a súa representación diversas obras teatrais clásicas como Un soño de verán e Ricardo III, de William Shakespeare, ou O enfermo imaxinario, de Molière.