O CDG pecha o reparto que actuará con Tosar na «Ópera de tres reás»

redacción / la voz

CULTURA

O reparto estará formado por Begoña Santalices no rol da señora Celia Peachum, Marcos Orsi no de Ionatan Peachum e Muriel Sánchez será quen interpretará a Polly Peachum

08 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Centro Dramático Galego pechou o elenco que acompañará a Luís Tosar na súa nova produción e que porá en escena a Ópera de tres reás baixo a dirección escénica de Quico Cadaval e a musical de Carlos Ariel Gracia.

Os dous directores foron os presidentes do tribunal que asumiu a selección dos noventa candidatos dun total de 209 solicitudes. Tras pechar un proceso de selección de dúas semanas, o reparto que acompañará a Luís Tosar (Mackie Navalla) estará formado por Begoña Santalices no rol da señora Celia Peachum, Marcos Orsi no de Ionatan Peachum e Muriel Sánchez será quen interpretará a Polly Peachum.

O resto do reparto estará composto por Alba Mesa, Mónica Iglesias e Marta Pazos nos papeis femininos; e nos masculinos participarán Marcos Orsi, César Martínez, Goldi; Francisco Pérez, Narf; Sergio Zearreta e Víctor L. Mosqueira. Segundo a Agadic, a elección do reparto realizouse por unanimidade. Salientaron os membros do tribunal a combinación de capacidades actorais e musicais en todos os casos e os elixidos proceden da música ou dos escenarios e, en boa medida, da combinación de ambos.

Os ensaios comezarán o vindeiro mes de abril e a estrea está prevista para o mes de xuño no Auditorio de Galicia, en Compostela. A xira, unha vez representada en Santiago, prolongarase ata o mes de setembro incluíndo festivais fóra de Galicia.

Segundo o CDG, a intención é actualizar a ópera de Bertolt Brecht e Kurt Weill aproveitando a mestura musical da obra que incorporaba cabaré, jazz e música culta.