O primeiro dicionario galego de recursos humanos ten 1.300 termos

Rodri García A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

«Din que un 60% das empresas galegas non usaron xamais o idioma, e iso é algo terrible», subliña Benito Fernández

13 nov 2010 . Actualizado a las 02:42 h.

Novo dicionario para a cultura galega. O volume, que foi presentado onte na sede da Real Academia Galega, leva por título Dicionario galego de recursos humanos , recolle toda a terminoloxía relativa a este ámbito, «algo inexistente ata agora», e ten como un dos seus obxectivos «animar a empresas e traballadores a empregar a lingua galega», explicou unha das autoras deste traballo, Yolanda Maneiro Vázquez. Lucía Dans Álvarez e Inés Veiga Mateos son as outras dúas artífices dun libro editado pola Fundación Galicia Empresa e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación das Humanidades.

Máis de 1.300 termos en galego, 1.400 en español e 1.700 en inglés integran o contido deste libro «sinxelo, de linguaxe accesible, fácil de aprender e de consultar», indicaron as súas autoras. Tamén apuntaron que trataran «de dicir o máximo posible no mínimo espazo» e que este novo dicionario será de utilidade tanto para o mundo da empresa como o sindical, «no que o uso do galego é máis habitual», apuntou Méndez Ferrín.

Yolanda Maneiro indicou que con este dicionario danse alternativas «aos neoloxismos e fundamentalmente anglicismos», que son o tipo de termos máis empregados na actualidade dentro dos recursos humanos.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, explicou que esta obra encádrase dentro da serie de dicionarios de vocabularios especializados de Termigal (Servizo de Terminoloxía Galega), «que funciona mediante un convenio entre a Real Academia Galega e a Xunta». Lorenzo salientou que tan importante como a elaboración deste tipo de ferramentas «é a difusión entre o público» e dixo que un dos obxectivos da súa secretaría «é a incorporación do galego ao mundo da empresa; poder ofrecer á cidadanía a impresión de que se pode vivir con tranquilidade en lingua galega».

O presidente da Fundación Galicia Empresa, Benito Fernández, apuntou a difusión dunha enquisa recente «na que din que un 60% das empresas galegas non usaron xamais o galego, e iso é algo terrible».

De todos os xeitos, Fernández salientou iniciativas, «como o Foro Peinador» ou esta mesma, que tratan de que nas empresas «se fale galego, e cando haxa que falar inglés, fálase, ou chino». Neste senso, Benito Fernández lembrou que esta semana mantiveron un encontro co presidente do Banco Pastor e cada vez atopan «máis apoios e menos casos nos que parece que usar o galego é un demérito».

Para Méndez Ferrín, «existe a crenza de que o galego é un inconveniente para gañar diñeiro, algo falso porque se fose así como se explicarían os avances de Cataluña ou o País Vasco».

Anxo Lorenzo expresou ao respecto un desexo do seu departamento: «Que as empresas asuman o galego como algo de valor, de marca».