A obra de Luís Amado Carballo e «Galicia no arranque do século XX», novas entregas con La Voz de mañá

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

PONTEVEDRA CIUDAD

Esta antoloxía recolle poemas de «Proel» , «O galo» e poemas soltos

06 ago 2010 . Actualizado a las 02:39 h.

Unha antoloxía da obra de Luís Amado Carballo (1901-1927) da colección O mellor de... e un novo volume de «A historia da literatura galega» dedicado á Galicia no arranque no século XX constitúen a oferta que La Voz pon mañá a disposición dos lectores do xornal por só 1,95 euros máis o cupón correspondente.

A profesora Teresa Seara, responsable da antoloxía, sinala na súa introdución que, «malia a súa curta vida, Luís Amado Carballo foi un dos poetas máis destacados da Xeración do 25 ou da Vangarda, aínda que tamén cultivou a prosa».

Segundo a devandita especialista, Amado «foi o primeiro en introducir nas letras galegas o Hilozoísmo ou Imaxinismo, movemento que combina innovación e vangarda», o que significou adoptar desta última a deshumanización para centrar o interese dos poemas na natureza. «Esta, sempre personificada, é descrita con moitos detalles sensoriais dándolle á linguaxe poética unha gran viveza», sinala Teresa Seara.

Polo que se refire a beber da tradición, Amado Carballo faino recorrendo á métrica popular (verso de arte menor, rima asonante, ritmo de muiñeira), que destaca pola súa musicalidade.

Esta antoloxía de Amado Carballo, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1982, recolle poemas de Proel , O galo e poemas soltos, así como textos en prosa entre os que figuran os de Maliaxe e Os pobres de deus. O volume complétase coa introdución, a biografía, unha cronoloxía e as bibliografías de e sobre o poeta pontevedrés que finou moi novo por mor dunha tuberculose.

Amado Carballo, que estudou en Santiago e marchou a Madrid co obxectivo de traballar como xornalista, fundou en Pontevedra a revista Alborada co seu amigo Vidal Martínez en 1922. Casou dous anos despois e alternou o xornalismo co labor de mestre, residindo tamén en Vigo, onde foi contertulio de Rafael Dieste, Roberto Blanco Torres e Ramón Cabanillas.

As súas primeiras publicacións - Maliaxe e Os pobres de Deus - son en prosa, e non é deica 1927 que sae do prelo Proel , o seu primeiro poemario. O segundo, O galo, apareceu xa con carácter póstumo, en 1928.

Nos últimos anos de vida, Amado Carballo abandonou o xornalismo e tentou sen éxito rematar os seus estudos.

Polo que se refire ao volume da colección A historia da literatura galega, presenta o contexto económico, político e social no que se desenvolve o comezo do século XX en Galicia para situar despois os poetas da época da gran guerra, desde Manuel Leiras Pulpeiro a Ramón Cabanillas, pasando por Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente, Victoriano Taibo e Francisca Herrera.