Para conseguir a continuidade e a frescura do directo optouse por reproducir enteiro o segundo dos dous concertos en lugar de ir tomando cancións dun e doutro día.
10 jun 2010 . Actualizado a las 10:33 h.Máis que como dous continentes actúan como un océano. Manecas Costa e Narf coincidiron hai dous anos para unha sociedade musical afrogalega que onte deu o seu segundo froito, Aló irmao, un disco gravado ao vivo hai un ano no Teatro Principal de Santiago.
Dende aqueles dous concertos, Aló irmao leva viaxado o seu por Galicia e por Latinoamérica e mesmo por África, unha viaxe que continuará a finais deste mes coa participación no City of London Festival.
A versión gravada do concerto, producida por Nordesía e editada por Falcatruada, inclúe un deuvedé co concerto de maneira que, segundo Narf, a intención tanto do disco como do deuvedé, «é manter o ambiente do directo». Para conseguir a continuidade e a frescura do directo optouse por reproducir enteiro o segundo dos dous concertos en lugar de ir tomando cancións dun e doutro día.
Para Manecas Costa, o disco é unha oportunidade musical dar a coñecer algo de Guinea-Bissau, de onde é orixinario, pero tamén unha oportunidade para ofrecer outra imaxe do seu país, «que quizais non teña agora a mellor imaxe posible».
O disco e mais o deuvedé responden, segundo os dous músicos, á maneira que teñen de relacionarse no escenario, unha maneira que naceu «sen metas e sen presión» pero que segue xerando cancións. Neste sentido, tanto Manecas Costa como Narf sinalan que é máis que probable que haxa un segundo Aló irmao porque, explican, «cancións seguen saíndo en case todos os ensaios que facemos».