Audiocontos e reedición de clásicos, novas da literatura infantil para o 2010

CULTURA

Os editores defenden que os libros lidos supoñen unha proposta artística diferente e complementaria

04 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cústalle traballo á palabra chegar aos corazóns e ás cabezas dos máis pequenos. Se antes o clásico «había unha vez...» engaiolaba a estes aventureiros, agora precisan non só que as imaxes lles enchan os ollos, senón que a música os meta nas historias. Os audiocontos empezan a ser habituais nas novidades da literatura infantil e xuvenil destas datas; claro que, como ocorre coa nova colección Audiocontos da editorial Galaxia, moitos deles están feitos con textos clásicos. Así, os actores de dobraxe e músicos Teresa Santamarina e Paco Barreiro, baixo a dirección de Tero Rodríguez, fan versións dramatizadas de Os sete cabuxos, Branca de Neve e os sete ananos, O galo Quirico e Os catro amigos. «Non se trata de simples narracións -apuntan na editorial- senón dunha proposta artística diferente e ao mesmo tempo complementaria ao libro».

Sesión en Ferrol

Outro selo, Kalandraka, tamén vén de publicar o disco-libro Tic-Tac «que combina música e ilustración para público infantil a partir de tres anos», indican desde a editorial, salientando que este é o primeiro traballo en solitario do multiinstrumentista e cantante Pablo Díaz e que as 16 cantigas do disco «abordan temas próximos aos cativos como a natureza, o mar, os animais ou o fogar de xeito que lles proporciona vocabulario e fórmulas de expresión a través da música». Gaudi Galego, Carmen Rey, Ruote e mesmo Santiago Auserón e Xurxo Souto colaboraron neste traballo, do que saíron os contos e a música que se puideron escoitar este sábado na galería Sargadelos de Ferrol. O suízo afincado en Galicia Marc Taeger é o autor das ilustracións.

E se os textos clásicos son reeditados, os autores que xa se poden considerar clásicos da literatura infantil e xuvenil galega (que representa unha quinta parte de todos os libros que se editan en galego) tamén volven con novas obras. É o caso de Fina Casalderrey que publica na colección Árbore de Galaxia, e para lectores de máis de dez anos, Pesadelo no tren Chocolate. Con ilustracións de Patricia Castelao, a autora pontevedresa conta a primeira viaxe sós, no tren Chocolate, dos irmáns Iria e Lino. E de trens vai tamén a obra de An Alfaya O maquinista Antón, un texto que foi premio de teatro Xeración Nós en 1991 e co que se deu a coñecer esta escritora afincada en Vigo. Xerais reedita agora o libro para a colección Merlín, con ilustracións de Santy Gutiérrez. Na mesma colección publicouse a obra gañadora do último premio Merlín, Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández, da que lectores como Isabel Soto apuntan que se trata dunha historia de aventuras, «de amor, de azares, de viaxes, de desexos íntimos, de liberdade e de fantasía conducida con naturalidade e retocada con surrealismo». Isto é así porque na cidade de Nil, onde pode pasar calquera cousa, por moi surrealista ou imposible que poida parecer. Outro dos nomes sobranceiros na literatura infantil galega é o de Agustín Fernández Paz que chega cos seus Valados (Xerais), no que fala de todos eses valados que coñecemos no mundo.

Do Courel a Carballo

A literatura fantástica -«sobre todo de vampiros», apuntan desde a librería Maside da Coruña- está a ter moita demanda nestas datas, nas que tamén van collendo novos pulos figuras populares como O Apalpador, un personaxe do folclore da Serra do Courel que protagoniza o libro homónimo do debuxante Xoán González -infógrafo de La Voz de Galicia-, que publica a editorial Biblos e que está a ter unha excelente acollida.

Do Courel a Carballo da man de Fernando Cabeza, autor de Contos azuis (Galaxia), un feixe de relatos que teñen en común as lembranzas, os sentimentos e as viaxes no tempo. Está ilustrado por RuÁn, responsable do texto e as imaxes de O dragón comemedo (Baía Edicións). Outros volumes do selo son No cubil da Lúa, de Xoán Neira; A avoa do nobelo branco, de Paco López ou A casa máis animada do mundo, de Cristina Saez. Os que se acheguen ás librerías tamén atoparán os dous últimos títulos de Alfaguara Obradoiro: E Xoel aprendeu a voar, de Marica Campo, e O contador de estrelas, de Jaureguízar, autor que quedou finalista no certame do mellor libro do 2009 para os editores galegos. «Nós publicamos sobre todo libros de texto e estes son para lecturas nos centros», lembra Ana Guerra, de Obradoiro.