«Aldea e cidade sempre serán termos antagónicos»

Camilo Franco

OURENSE CIUDAD

O escritor relata a posguerra en Ourense aproveitando feitos da súa experiencia

20 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) publica en Xerais o retrato dunha época de fames variadas, de descubertas, cine e amores tirando a platónicos. Tempo de centeo esculca no Ourense posterior á guerra civil, nesa inmigración nunca de todo contada de que deixou a aldea para traballar na cidade.

-¿A novela transcorre nun momento non moi utilizado narrativa?

-Creo que a posguerra non está moi tratada na literatura galega. Para min é unha época decisiva da que eu fun testemuña directa e nunha porcentaxe considerable o protagonista desta novela podería ter sido eu.

-¿No conxunto das súas novelas vaise debuxando unha sucesión historia marcada pola guerra?

-Creo que levo escritas 16 novelas e en todas está presente a guerra. Pode ser que considere memoria histórica pero no meu caso, a guerra está presente porque me marcou moitísimo. A memoria camiña sempre cara atrás e neste caso é a miña memoria directa.

-Fálase da emigración americana ou da europea, pero menos desa emigración da xente que cambiou a aldea pola cidade.

-Esa é unha das circunstancias principais desta novela e un cambio fundamental para moita xente naquel tempo. Cando ti vas da aldea a unha cidade, hai un choque tremendo. Prodúcese unha desorientación, que eu padecín, como se conta na novela e mesmo sucedía que eu tentaba falar castelán porque non quería ser de aldea. Eu tiña complexo e ese complexo é o complexo que tamén ten o personaxe.

-¿En que momento acabou ese choque?

-No meu caso, cando fun descubrindo Ourense e comecei a ler. Cando tiven contacto con Risco ou con Florentino López Cuevillas. O personaxe ten un proceso semellante porque moitos dos datos que utilizo da novela proceden da miña experiencia.

-¿E prefire novelar os datos que utilizar o xénero biográfico?

-É máis interesante. De todas maneiras, os escritores sempre utilizan datos seus porque é difícil falar do que non sabes. Na novela hai un contrapunto entre cidade e aldea porque eu son de aldea e iso non se cambia. Serei de aldea ata que morra.

-¿Pero nunca se acurtan as distancia entre unha e outra?

-Cidade e aldea son termos antagónicos, pero a distancia entre eles é máis grande que a que poida haber en quilómetros. Esa distancia reduciuse algo, pero non totalmente porque agora xa non sabemos nada das aldeas. É un mundo que desapareceu.

-Nesta novela volve a influencia cinematográfica que parece unha constante na súa maneira de escribir.

-Como lle sucede ao personaxe da novela, o cine foi para min unha influencia definitiva. Eu diría que tentei facer algo que se aproximase ao neorrealismo italiano porque a época da que se fala é a mesma e as circunstancias similares.

-Foi un tempo de fame .

-Pero non só de fame de comer porque a fame sexual era inmensa, así que os nenos falábamos constante de mulleres. O sexa era unha cousa prohibida, cando algo está tan prohibido só queda soñar e protagonista soña con amores irreais.