O exitoso concurso «Atrápame se podes» chegará a TVG a finais de xuño

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG

O espazo chega avalado por varias temporadas como líder de audiencia noutras canles autonómicas

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia prepara a súa programación de verán, que incluirá como unha das súas grandes novidades o concurso de preguntas e respostas Atrápame se podes. O espazo estará presentado por Paco Lodeiro e ten prevista a súa estrea para finais de xuño.

O concurso chega a Galicia da man de Voz Audiovisual e avalado por varias temporadas de éxito en canles autonómicas como ETB2, Aragón TV, TV3 e, máis recentemente, Canal Sur. En todos eles rexistra cotas de pantalla moi destacadas, que avalan a este programa como un dos formatos líderes de audiencia das autonómicas. A clave do seu éxito é a súa fórmula de cultura aderezada con humor.

O espazo ofrece aos participantes e aos espectadores a oportunidade de entreterse e de gañar importantes premios, xa que cada día porase en xogo o bote acumulado ao longo dos programas anteriores. Este bote comezará con 2.000 euros e, se ningún concursante o acada, irase incrementando diariamente en 200 euros engadidos.

O concurso conta cunha mecánica sinxela que convida ao espectador a xogar desde a casa mentres que os concursantes intentan conseguir o premio en función dos seus coñecementos e da súa estratexia de xogo.

Atrápame se podes ten a estrutura dun quiz-show clásico, cun presentador ao frente e cinco concursantes que competirán durante cada programa.

O concurso consta de catro fases. Na primeira xogan os cinco participantes. Posteriormente, nas seguintes probas, vanse eliminando un por un ata que quedan os dous que chegan á final.

As preguntas que terán que responder son de cultura xeral, en moitos dos casos adaptadas á idiosincrasia galega.

Cada entrega comezará cunha batería rápida de preguntas. O número de acertos acadado por cada concursante determinará en que orde xogará cada un na seguinte rolda.

O seguinte paso será duelo de temas. Nel terán que elixir un tema e un adversario para que responda a catro preguntas que garden relación. Nesta sección quedará eliminado un participante. Os catro restantes, organizados en dous equipos, xogarán ao Branco ou negro. A parella que acerte cinco preguntas pasará á seguinte fase.

Na gran final, cada concursante situarase a un lado da escaleira instalada no plató, onde terán que responder alternativamente as preguntas. Se acertan, subirán un chanzo. Se fallan, manteranse na súa posición, pero, despois do primeiro fallo, perderán a posibilidade de gañar o bote do programa. O primeiro concursante que chegue ao quinto chanzo será o gañador do día e levará o bote en caso de subir sen fallar ningunha pregunta. Se comete algún erro gañará 200 euros.