R aposta polo galego para que o seu uso nas novas tecnoloxías sexa «natural»

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ CELANOVA

SOCIEDAD

O conselleiro delegado Arturo Dopico di que «cómpre pensar en galego nun mundo globalizado»

08 sep 2013 . Actualizado a las 18:59 h.

Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, afirmou este mediodía en Celanova que a aposta polo galego por parte desta empresa de comunicación «foi unha opción sinceira para tentar que o uso do galego nas novas tecnoloxías fose algo natural». Dopico manifestou que «cómpre pensar en galego para ser singulares nun mundo cada vez máis globalizado».

A Fundación Curros Enríquez entregou esta mañá o premio Celanova, Casa dos Poetas ao conselleiro delegado de R, Arturo Dopico. Foron Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, quen lle entregaron o galardón que, por primeira vez en 29 anos de historia, se concedeu a unha empresa e non a unha persoa.

O Padroado da Fundación Curros Enríquez elexiu, nunha xuntanza o 23 de febreiro, a R pola súa defensa do galego e de Galicia. Henrique Monteagudo, secretario da RAG, fixo a laudatio do premiado. Lembrou que en 1999 facía unha pesquisa sobre o galego cando coñeceu a campaña de lanzamento de R en galego e a influencia de Arturo Dopico na decisión de facer a publicidade e a comunicación cos clientes en galego.

Monteagudo apostou por que a lingua que «enganche as innovacións de todo tipo é a que ten futuro».

Como premiado, Dopico pasará a ser un dos patróns de honra da Fundación Curros Enríquez. O conselleiro delegado asegurou que « a aposta de R por Galicia é permanente e indiscutible ». Dopico proclamou que o compromiso desta empresa con Galicia «traspasa as fronteiras do puramente tecnolóxico» ainda que R segundo dixo, xa leva investidos mil millóns de euros para implantar en Galicia unha rede de fibra óptica que, por outra banda, tamén está chegando a Celanova.

O acto comezou cunha ofrenda floral diante da escultura de Celso Emilio Ferreiro, poeta celanovés de quen se lembra a data do pasamento na entrega do premio como recordou o profesor Felipe Ferreiro, mantedor do acto, que contou coa presenza do presidente da RAG Xesús Alonso Montero, o presidente da Deputacion de Ourense, Xosé Manuel Baltar, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e de membros do Padroado Curros Enríquez coma Xosé Lois Méndez Ferrín.

No Auditorio Ilduara de Celanova léronse poemas de Curros Enríquez e de Celso Emilio Ferreiro e escoitouse a música do Dúo D'Acord de violín e acordeón.