«O importante non é ser escravo dunha norma senón amar a lingua»

SAN CRISTOVO DE CEA

MIGUEL VILLAR

O profesor e lexicógrafo reivindicou o uso do galego dende a mocidade

25 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Isaac Alonso Estraviz conserva un mundo de enerxía e rebeldía aos seus ben levados oitenta anos. Logo de dar moitas voltas, primeiro como sacerdote e logo como profesor, agora - xa xubilado- aínda da clases de galego para maiores na universidade sénior do campus e a participa en congresos e actividades culturais.

Regresa ao instituto Otero Pedrayo, o primeiro centro ourensán no que impartiu clases de galego, logo de pasar por varias localidades, a pesares de que, di Estraviz, lle impediran ensinalo por ser reintegracionista (a vertente que promulga a unión entre o galego e o portugués). Aprobou a oposición en 1987 e foi unha etapa docente que o trouxo de novo a Galicia, despois de moitos anos no desterro logo de seren expulsados do mosteiro de Oseira. «Prohibiran falar galego nos centros relixiosos. Eu, aos 17 anos prometín nunca máis falar castelán. Rebeleime. Pensaba: Son galego. Ser católico ou monxe é secundario. No ano sesenta botáronnos a todos», recorda.

Nacido en Vila Seca (Trasmiras) en 1935, Alonso Estraviz entrou en Oseira con doce anos. «Era un sitio frío. O mosteiro estaba sen reconstruír. Había que traballar todos os días, ademais de estudar e os actos litúrxicos», lembra. Con 24 anos, en 1959, foi ordenado sacerdote como Padre Santos. Un ano despois, nun Capítulo Xeral expulsaron a todos os monxes por unha suposta rebelión interna. Comezou un desterro que logo dun longo camiño o levou ao mosteiro de Mariawald (Alemaña), Dijon e Navarra.

En Navarra pediu «levar vida normal». Alí traduciu os Salmos ao galego. Os anos logo da secularización foron «duros» ata que se xuntou co grupo dos outros monxes «rebeldes» en Albacete. Na cidade manchega viviu no Barrio da Estrela «con xitanos e ladróns. O Padre Silva dixo que fora o peor barrio que coñecera. Démoslles pisos aos que vivían nas covas. O primeiro bautizado que fixen en galego foi en Albacete, un fillo dun galego», ri. Xa en 1970, foi a Madrid e deu clases de Relixión no barrio de San Blas, outra zona dura, mentres estudaba Filosofía e traducía libros do portugués ao castelán. Fixo a súa tese sobre Rosalía de Castro en galego e prometeu facer unha gramática e un dicionario. «Cunha bolsa Gulbenkien fun a investigar a Lisboa. Ía vendo frecuencias e variantes en textos en galego e en portugués», conta. Editar o Dicionário da Língua Galega foi un proceso cheo de vicisitudes económicas e ortográficas. No ano 1986 publicaron tres volumes con cen mil pesetas que lles deixara un xubilado. Con máis de 133.000 entradas e hoxe pode consultarse a versión electrónica (www.estraviz.org). «Foi o primeiro dicionario galego-galego», reivindica.

Volveu á docencia no Pablo VI da Rúa. Alí fundou Radio Antoxo, onde facían programas de cultura e recibiron avisos de prohibición. Logo de opositar e dar clases por media Galicia, atendeu a chamada para vir a Ourense ao Otero Pedrayo. Ten boas lembranzas da etapa: «Cos alumnos, por todos os lados, fantástico. Nunca suspendín a ningún. Non se pode andar a suspender por unha falta se as palabras son galegas. Terminarán odiando o galego e hai que facer que os alumnos terminen amando a lingua. Nunca empreguei unha norma nin utilicei un libro de texto. O importante non é ser escravo dunha norma senón amar a lingua».

isaac alonso estraviz