Manuel Vázquez abandonou o grupo de goberno de Ribadavia:  «Hai máis intereses persoais que cos veciños»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Manuel Vázquez, concejal del concello de Ribadavia que hasta ahora gobernaba con el PSOE
Manuel Vázquez, concejal del concello de Ribadavia que hasta ahora gobernaba con el PSOE Santi M. Amil

O edil manterá a súa acta de concelleiro

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non creo en liderados que queren impoñer a súa forma de facer política, nin na tutelaxe dos que se cren mellores que os demais». Estas foron algunhas das frases que o que foi concelleiro de Persoal, Obras e Servizos Municipais de Ribadavia esgrimiu nunha carta para anunciar ao seu abandono do grupo de goberno. Manuel Vázquez López dimite das súas responsabilidades, e deixa o PSOE canso, di, das interferencias no seu traballo. Era membro de Compromiso por Galicia e incorporouse como número tres á candidatura do PSOE no ano 2019.

—Por que decide apartarse agora?

—Cando empezamos, cando decidín apoialos e afiliarme ó PSOE, era unha cousa e agora é outra. Eu estou na política para preocuparme por Ribadavia. E agora hai máis intereses persoais que cos veciños.

—Pero seguramente houbo algunha razón máis concreta.

—Cando un entra no goberno ten unhas competencias. Eu non interfiro nas demais e, en todo caso, facilito todo o que me piden. Estaban sempre entrando nas miñas competencias e non para axudar. Seguramente equivoqueime en algo, pero sempre o fixen pensando no interese xeral.

—Inda que non fala de nomes, todos intúen que se refire á alcaldesa, Noelia Rodríguez, e ó concelleiro Nacho Gómez.

—(Silencio) Non souberon valorar o apoio que lles din. Toman decisións unilaterais. Hai xa un par de meses que sentín que me estaban ninguneando. Eu iso non o permito. Dediqueime a traballar e creo que o Concello é unha institución moi seria. Esta non pode ser a casa de ninguén, é a casa do pobo. Cando entrei neste proxecto mostrouse unha cara pero enseguida dinme conta de que había outros intereses persoais, maiores que os da cidadanía. Eu quero sinalar que tiven un apoio importante da militancia de base dende o minuto un. Tiven todo o apoio deles ata o último momento.

—Abandona a política?

—Agora dinme de baixa no PSOE pero seguirei no Concello como edil non adscrito.

—Pero baralla algunha proposta política?

—Agora estou nun período de reflexión, xa verei. Pero hai unha frase que di: ‘Se non participas en política estarás rexido polos peores homes’.