«Un dos mellores escritores do noso tempo», premio Trasalba

p. s. ourense / la voz

OURENSE

Antonio Cortés

Agustín Fernández Paz lamenta os atrancos actuais ao idioma galego

30 jun 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

Omnipresente a figura de Otero Pedrayo no pazo de Trasalba, sempre don Ramón en cantas referencias se fan á súa vida ou á súa obra, onte foi o día de Agustín Fernández Paz, «un dos mellores escritores do noso tempo», como dixo o escritor e editor Francisco Castro na laudatio coa que se resaltaron os sobrados méritos do homenaxeado para recibir o premio Trasalba. As razóns para a distinción non poden quedar nos máis de 45 libros que leva publicado, pois na figura de Fernández Paz merece especial relevancia o seu papel como docente, como dinamizador e como motor para a difusión da cultura e do libro galego.

Francisco Castro, que falou de Fernández Paz como un señor de idade que aínda cre que o mundo se pode cambiar, un home que leva na man un corazón de adolescente, laiouse de que se fora xubilar no instituto Os Rosais de Vigo xusto o ano en que o seu fillo maior podería disfrutar da erudición do profesor Fernández Paz.

O premio Trasalba 2014 tivo na sua intervención tempo para lembrar os lugares e os grupos dende os que traballou a prol do idioma. A estrea laboral de Fernáandez Paz na docencia foi no ano 1974 en A Coruña, e de xeito sucesivo fixo referencia á actividade da Asociación Católica de Mestres, a Avantar, ao movemento cooperativo Escola Popular Galega, a Nova Escola Galega e ao Gabinete de estudios para a reforma educativa. «Non foron doados os tempos de don Ramón e tampouco o son estos», dixo o escritor e docente xubilado, de quen se resaltou no acto que o que el fai, antes que outra cousa, é literatura. Que maioritariamente esté etiquetada como infantil e xuvenil é secundario.

En presenza do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e outros cargos da consellería de Cultura, lamentou e criticou Agustín Fernández Paz os atrancos que agora mesmo sofre o idoma galego no seu proceso de normalización.