A calor no aire e na auga

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

11 ago 2019 . Actualizado a las 15:10 h.

Estamos nuns días nos que a humidade relativa do aire chegou a estar cerca do 100 % en zonas da costa galega. Que sexa do 100 % quere dicir que o aire xa non pode acoller máis vapor de auga: se se lle intenta meter un pouco máis, a auga precipitará. Esa humidade cun vento cálido fixo que a sensación de calor aumentase. Por que?

A resposta reside nunha propiedade chamada calor específica, que é a cantidade de calor necesaria para que unha substancia eleve a súa temperatura nunha unidade. No caso da auga, esa cantidade é das máis altas que podemos atopar entre o que nos rodea: cómpre unha caloría para elevar a temperatura dun gramo un grao Celsius. Supera nun factor entre 10 e 20 a calor necesaria para facer o mesmo nos metais cos que estamos máis familiarizados e, para o que nos ocupa, é unhas catro veces maior que para o aire seco.

Se a necesaria para subir a temperatura da auga é tan alta, iso quere dicir que a auga tamén é unha boa despensa de calor: a baixada da temperatura da auga nun grao vai liberar máis calor que a maioría do que nos rodea. Por iso, a auga moi quente abrasa máis que o aire moi quente (transfírenos moita máis calor) e a auga fría conxela máis que o aire frío (róubanos moita máis). Que a densidade da auga sexa maior que a do aire tamén é determinante, claro. Nun cuarto a 20 graos podemos estar moito tempo parados sen problema, que non arrefriamos; nunha piscina a 20 graos, non: a auga, ao ter contacto co noso corpo (máis quente), intentará equilibrar a súa temperatura coa nosa, e nese proceso roubaranos gran cantidade de calor. Morreriamos de hipotermia.