Basilio Losada: «Vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal»

Laura López LUGO / LA VOZ

CULTURA

Aos 82 anos, o filólogo lancarao mantén a súa actividade académica

28 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Teño 82 anos, case 83, pero a miña cabeza funciona ben». Así se presenta Basilio Losada Castro (Láncara, 1930), tradutor e primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona, que acaba de gañar o premio Otero Pedrayo 2012, concedido pola Xunta e as catro deputacións. Desde o seu fogar en Cataluña, onde reside desde hai setenta anos, recibe a nova con «emoción e sorpresa».

-¿Que supón este premio?

-Sorprendeume, pero supoño que se debe a que levo toda unha vida de servizo a Galicia e aos galegos. Recibín moitas fórmulas de recoñecemento desde Galicia polo meu labor de defensa da lingua, e dei centos de conferencias por toda España, fundamentalmente, por Cataluña.

-¿Cando comezou o seu traballo en defensa da lingua?

-Aos 5 anos xa estaba fóra de Galicia. Meu pai atopou traballo en Madrid e eu pasei de vivir no paraíso a facelo nunha cidade inhóspita, brutal, cunha lingua que non coñecía. Así foi como sufrín ese complexo de inferioridade, ao falar unha lingua que ninguén coñecía nin estaba recoñecida. Cando fun á universidade foi cando o meu sentimento de Galicia se converteu nunha consciencia de Galicia e vontade de servizo, así que decidín dedicar a miña vida ao país, e convencer á xente, sobre todo aos emigrantes que chegaban cunha maleta e unha caixa de zapatos cun queixo, que falar galego non é falar mal, é falar ben, como outras tantas formas de falar ben.

-¿Como ve a situación da lingua na actualidade?

-Actualmente, xa se eliminou o complexo de inferioridade, antes ríanse de nós por falar galego. O cultivo do galego avanzou moito e os mozos non teñen ese complexo esterilizador. Agora o reto é integrar a lingua galega na vida común de todos porque é unha herdanza. Antes o 90?% da xente do campo falaba galego e intentaba ocultar a súa realidade expresiva. Eu sufrino tamén, moito, e por iso tamén aprendín moi ben o castelán, e vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal. Temos que lembrar que a gran creación ao longo de mil anos de historia foi construír a nosa lingua, e sería horrible que se perdese. A xeración que o permitise sería culpable ante a historia.

-Lonxe de estar retirado, continúa a súa actividade docente.

-Pois si, teño o despacho na Universidade de Barcelona e sigo dando clase a alumnos das universidades de California, Illinois e Knox, que veñen a España a aprender español e historia da arte. Procuro tamén manter as miñas viaxes, aínda que cada vez podo menos, hai tres anos que non vou a Láncara. E iso que lle debo moito a Galicia. Eu non fixen fortuna, fixen unha gran biblioteca de 40.000 volumes e a metade deles cedinos para a biblioteca da Cidade da Cultura.