O comercio de Vilalba medrou hai 150 anos coa chegada dos maragatos

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Casa da familia Criado Mendaña na parroquia de Nete.
Casa da familia Criado Mendaña na parroquia de Nete. X.A.POMBO

Familias de León montaron na vila e na zona rural negocios que foron moi coñecidos

27 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende estas páxinas de La Voz de Galicia insistimos sucesivamente en que nos primeiros decenios do século XX os habaneiros regresados influíron na modificación de usos e costumes dos vilalbeses. Tamén foi meritorio o labor dos non retornados que enviaron recursos económicos para axudar parentes, educar os máis novos, reconstruír altares e obrar en cemiterios, lugares das parroquias dos mortos. Foron eles uns vilalbeses que a partir de 1855, deixando familias e escapando das fames, marcharon buscar fortuna en terra allea.

Ao tempo que isto sucedía, a comarca vilalbesa era atracción para outras xentes que travesaban os camiños da comarca e cubrían nichos de negocios non atendidos polos propios do país. Eran os maragatos, oriúndos da Maragatería, comarca na contorna de Astorga onde a tradicional agricultura de cereais non abondaba para atender a elevada natalidade das familias. Viaxando polos camiños acompañados de recuas de mulas, comprando e vendendo,sendo fieis á palabra dada, aportaban riqueza á familia.

Ademais tiñan o costume de casar con primos cruzados permitindo que o patrimonio se mantivese dentro do parentesco e se alguén quedaba viúvo buscaría novo matrimonio nos parentes inmediatos da persoa defunta. Ao ser sociedades relativamente pechadas, non resulta estraño que moitas liñaxes de maragatos tivesen, e aínda teñan, conciencia de pertenza a un mesmo grupo social e que se fixesen valer os parentescos ao favorecer negocios e empregos.

Dos maragatos recordamos que nos séculos XVIII e XIX aparecían en tempo enxoito, cando medraban os días e ían cesando as choivas do inverno, transportando mercadorías traídas do Bierzo e de Castela como mantas e tecidos, viño e licores, bacallau salgado, aceite, mel, queixode ovella... e tamén admitían as encargas que se lles fixesen.

 Malos camiños

Eran tempos nos que os camiños de Galicia, algúns chamados reais, enlamaban en inverno, trazaban voltas e revoltas e para as mercadorías só permitían os carros do país e as bestas de carga.

A partir de 1860, nos tramos de maior circulación, fóronse renovando os firmes, reconstruíronse pontes e consolidáronse portos ou vaos usados cando o caudal do río non era elevado. Pouco a pouco foron chegando os carros de rodas de radios que se cubrían con toldos e que, por ser máis lixeiros e tirados por cabalos ou mulas, eran máis rápidos, tiñan maior capacidade de carga e abarataban os portes.

Todo iso sucedía ao tempo que a comarca vilalbesa coñecía un despegue comercial no que as feiras e mercados eran os puntos de negocios e permitían que chegase riqueza. Os maragatos contribuíron á renovación do comercio cos seus portes porque permitían a exportación de produtos dos camiños andados e de regreso á Meseta levaban carnes salgadas e peixe en conserva ou seco procedente das costas.

 A chegada do ferrocarril

Pero o sistema de transporte maragato non puido coa chegada do ferrocarril. Recórdese que otren chegou a Astorga en 1866, que o tramo A Coruña-Lugo foi inaugurado en 1875 e que da Meseta, desde Venta de Baños (Palencia) vía León, Astorga e Ponferrada, chegou a Monforte en 1883 e foi inaugurado polo rei Afonso XII. A viaxe Madrid-A Coruña só duraba vinte e seis horas.

Os maragatos acomodáronse aos novos tempos. Era evidente que non podían competir cos convois que multiplicaban a capacidade de carga e viaxaban máis rápido. Coñecedores dos camiños que frecuentaban, sabedores dos costumes dos país, decidiron establecerse en lugares apropiados para o comercio co tipo de mercadorías que eles negociaban.

En Vilalba e a súa contorna, a estación de Baamonde era a referente e dela saían carros, carretas e máis adiante automóbiles, que levaban e traían todo tipo de mercancías e viaxeiros. Alí confluían as estradas que ían á Coruña e Lugo e á Meseta coa que se dirixía á Mondoñedo e á Mariña Luguesa.

Tamén a estación de Rábade servía de referente sobre todo para o comercio do viño que, en enormes bocois de setecentos litros, chegaba do Bierzo, de Ribadavia vía Ourense e, sobre todo, da Mancha. A carón destes camiños establecéronse maragatos que tiñan o nicho de negocios nos produtos de alimentación, nas comidas, e que servían de paradas referentes nos portes de mercancías e viaxeiros.

 Na vila en en parroquias

O paciente lector recordará, ademais das casas maragatas da propia Vilalba como a de Francisco Nistal, a de Martín Seco, a de Juan Francisco Criado, aqueloutras emprazadas a pé da estrada: en Abadín, na Torre, na Parrocha (Nete) e mesmo a de Gaibor (Begonte).

Os maragatos empezaron a establecerse aló pola década de 1870. Debeu ser daquela cando chegou á Parrocha (Nete) Pedro Criado Martínez, un dos primeiros en iniciar negocio na comarca e arquetipo de maragato. Nacera en 1847 en Quintanilla de Somoza, municipio de Luyego, a uns vinte quilómetros ao suroeste de Astorga. Este concello ten hoxe menos de oitocentos habitantes distribuídos en seis vilas. Pola necrolóxica sabemos que cando morreu Pedro, o 4 de outubro de 1927, aos 80 anos, estaba casado con Victoria Mendaña Otero, tamén maragata, e que tivera trece fillos.

Seguindo coa tradición, un seu fillo, Bernardo Criado Mendaña, pactou casamento con outra maragata, Elena Nistal Nistal, filla de Miguel Nistal Frade e de Luísa Nistal Nieto, e ambos figuran establecidos no comercio vilalbés en 1921.

Deste matrimonio houbo nove fillos. E o lector vilalbés recordará un deles, Luís Criado Nistal, home paciente, que durante moitos anos foi o revisor da empresa Ribadeo, fundada por maragatos, no coche que a diario ía e viña a Lugo e que era coñecido polo nome do Shanghai, curioso nome que llo puxo un veciño a finais da década de 1950 despois de admirar a Rita Hayworth na película «A dama de Shanghai».

 Maquinaria agrícola

Seguindo a tradición maragata, o Shangai tiña puntualidade ríxida, chegaba ás 21 horas, e a súa velocidade adaptábase a tal horario. Outro dos fillos, Juan Francisco, estableceuse no Campo da Ponte de Vilalba, casou con maragata, Elena de la Fuente, e os descendentes tiveron negocio de maquinaria agrícola na década de 1970 e 1980.

De Teresa Criado Mendaña, casada con José Novo, non maragato, descenden os actuais propietarios da casa da Parrocha onde os iniciadores da saga iniciaran a actividade mercantil. Marcelino e Ángel Criado Mendaña trasladáronse á parroquia de Noche e nela continúan as descendencias con variados oficios, dende a economía á veterinaria.

Segundo algúns documentos, noticias varias e a memoria colectiva, podemos afirmar que a saga iniciada polo matrimonio Criado-Mendaña, que xa vai pola sexta xeración, é responsable de que moitos vilalbeses, da vila e do rural, compartan algunha xenética e ademais conserven o sentimento de pertenza a unha liñaxe iniciada hai cento cincuenta anos.