Unha receita sonora para saciar a fame co mellor de cada casa

FUGAS

Dous feitos de notable relevancia para a cultura galega conflúen o xoves. A Universidade de Vigo celebra o seu 25.º aniversario. E faino cun concerto extraordinario que suporá a estrea mundial do primeiro disco da Orquestra de Jazz de Galicia

11 dic 2015 . Actualizado a las 09:01 h.

Ben certo é que o nome pode inducir a equívoco. Non por ampuloso, que é o que adoita ocorrer en moitos casos, senón polo contrario. Polo que supón de reducir ao termo orquestra de jazz a unha agrupación da que forman parte 50 extraordinarios músicos vencellados aos proxectos máis importantes da escena musical contemporánea galega e que, como sinala Pedro Lamas, un dos seus directores, «aglutina a música tradicional galega en confluencia co jazz, o folk, a música clásica e as músicas improvisadas contemporáneas».

Situada pois a formación no seu certo contexto o que cómpre agora subliñar é a publicación e a presentación en directo do primeiro traballo discográfico da Orquestra de Jazz de Galicia. Fame, que así se titula, foi gravado o 17 e o 18 de xaneiro deste ano no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela baixo a dirección técnica de Pablo Barreiro. 

No disco a orquestra inclúe dez pezas creadas a partir doutros tantos arranxos sobre diferentes melodías tradicionais e recollidas de campo. Dez temas que reflicten a profundidade da música propia de Galicia, arranxados e orquestrados para unha formación que inclúe dende gaita, arpa e zanfona ata unha sección de metais, outra de ventos e outra rítmica con percusións tanto tradicionais como modernas.

Entre os dez cortes de Fame figura o toque de chifre que en 1952 inmortalizou o neoiorquino Alan Lomax nunha aldea de Ourense, e que anos máis tarde sería reinterpretado por Miles Davis como The pan piper no seu disco Sketches of Spain.

«Efectivamente, Galicia ten fame», sinalan os promotores da orquestra. «Unha fame interpretada en positivo, unha arela por situarse no mundo, un desexo irrefreable de comunicar alén das nosas fronteiras un xeito de entender a música que, para nós, é natural e que supón unha oportunidade histórica para establecer un diálogo con outras culturas».

O proxecto da Orquestra de Jazz de Galicia, din os seus impulsores «nace da rebeldía artística fronte ao inmobilismo». É unha aposta polo compromiso coa cultura, un esforzo colectivo que fixo posible unha realidade que levanta unha grande expectación non só en Galicia. 

Boa proba diso son os artistas convidados que participaron na gravación do disco e que estarán tamén o xoves no concerto de presentación de Fame, como é o caso de Carmen París ou de Kepa Junkera.

A eles sumaranse outros nomes como Uxía, Narf, Toño Domínguez, Xurxo Fernandes, Quique Peón, Eva Otero ou o grupo de pandeireteiras Lilaina, entre outros.

Cada un deles participará, xunto aos 30 músicos que conforman a orquestra, nun dos temas que compoñen o disco. No caso de Uxía interpretará ademais o Alalá de Muxía, en lembranza do primeiro concerto de Nadal organizado pola Universidade de Vigo, que a tivo a ela como protagonista.

Tras este concerto que suporá a estrea mundial de Fame a Orquestra de Jazz de Galicia ten previsto organizar unha xira de presentación do mesmo nas principais cidades galegas. «Agardamos que sexa na primavera do 2016», comenta Pedro Lamas, quen incide nas dificultades que conleva reunir unha formación destas características. «Por iso traballamos cunha base de entre 30 e 50 músicos que poden variar en función da súa dispoñibilidade.

Vigo. Auditorio Mar de Vigo. 17 de decembro. 20.30 horas. Entrada con invitación