Arianda Fernánez (BNG): «Consolidámonos como alternativa ao PP e notáronse ganas de cambio»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MIGUEL SOUTO

A deputada electa espera compaxinar as tarefas como veterinaria coas de concelleira en Lalín e agora no Parlamento

20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Os Porcallos, na parroquia lalinense de Goiás, Ariadna Fernández González é veterinaria de profesión. Concelleira do BNG no Concello de Lalín por primeira vez neste mandato, acaba de converterse tamén en deputada electa no Parlamento de Galicia.

 

—Como se sente despois dos resultados?

—Un chisco abrumada. Contenta, aínda que son sensacións agridoces por non chegar o BNG á presidencia, pero consolidámonos como alternativa ao PP, con políticas contrapostas ás deles, cunha deputada na comarca, e penso que se notaron ganas de cambio. Estou contenta por todos os meus compañeiros, pola militancia expectacular que hai no BNG e fareino o mellor posible no parlamento por todos os veciños.

—Que puido motivar a importante suba de apoios que recibiron por parte da cidadanía?

—Creo que con traballo, e iso podemos aplicalos a todos os ámbitos da vida. A nosa militancia é comprometidísima, de ideais inamovibles e moi traballadora, e nós fixemos a campaña o mellor que puidemos, cos medios que tiñamos e coas mellores das intencións. Hai ganas de cambio, está claro, e iso notouse nas votacións do pasado domingo.

—Cales son as principais reivindicacións e temas que pretende defender no parlamento?

—A sanidade é un piar fundamental para toda a veciñanza e está na nosa folla de ruta, xa o dixen ao longo da pasada campaña electoral. Temos que esixir que teña unha calidade axeitada e conseguir a ambulancia medicalizada que é unha bandeira reivindicativa pola que levamos pelexando dende o Bloque nos últimos tempos. O apoio ao noso rural, máis chan industrial no Polígono Lalín 2000, e todo aquilo que vaia xurdindo e sexa en beneficio dos nosos veciños.

—Apaixonada como é da súa profesión, poderá continuar exercendo, atender as obrigas que supón ser concelleira e agora exercer de deputada?

—Pois iso espero. É certo que sempre estou botando de menos as vacas (ri). Estou de vacacións no traballo quince días, e xa estou pensando que xa traballaba de boa gana (ri).

—Houbo festa de celebración?

—Houbo, pero eu estaba de garda e tiven que atender dous partos (ri), pero despois de que saíse todo ben, resolvín e volvín. Todo se pode facer.

—Felicitárona moito nas últimas horas?

—Felicitoume moita xente (sorrí), e meus pais están moi felices polo sucedido.