A música sanadora de Victorino

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Apartado da primeira liña por problemas de saúde, segue tocando aos 84 anos

13 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Victorino Iglesias Rodríguez (Pareizo, Goiás, 1940) é músico de corazón. «A música é alegría. Eu nacín así, coa música», comenta aínda con emoción na cara e nos xestos ao revivir o fermoso agasallo recibido a pasada fin de semana, e que non esperaba. Os compañeiros da súa querida Charanga KM Cero tributáronlle unha homenaxe con motivo do seu 84 aniversario, nun momento en que fraquéalle a saúde pero non as gañas de seguir tocando. A familia de Victorino, que oficiou de cómplice da sorpresa, só ten palabras de agradecemento para quenes tanto o aprecian e o coidan cando toca saír a algunha actuación. E é que Victorino non quere quedarse na casa. A música segue sendo a súa vida, e o contacto cos amigos e co público exerce un efecto sanador.

Pero a traxectoria profesional deste músico lalinense, que reside no casco urbano da vila desde fai moitos anos, comeza na súa aldea natal de Pareizo. Alí escoitou as primeiras notas musicais de seu pai sendo un meniño; «meu pai, que tamén era Victorino, daba clases de música e eu fun aprendendo del ata que posteriormente me matricularon no conservatorio». A familia Iglesias Rodríguez era numerosa, conta cun sorriso Victorino, «eramos dez irmáns pero só eu me dediquei á música». Medraban as súas ansias por aprender e axiña deixou a súa parroquia para facer da música a súa profesión. A aventura comezou, lembra, «aos 17 anos en que marchei para a Banda Militar da Coruña e logo fun a Madrid para opositar para sarxento pero non aprobei, e voltei a Lalín». Victorino cuxa formación musical sempre estivo centrada no trombón e na trompeta foi un dos integrantes da recoñecida Orquestra Caracas de Lalín, unha formación que segue lembrando con gran afecto. A emigración tamén se cruzou na súa vida, e marchou na procura dunha situación máis proveitosa en Alemaña «aínda que alá tamén toquei a trompeta nun conxunto ao longo duns dez anos aproximadamente», rememora.

Regreso a Lalín

Ao regresar novamente á súa vila natal, Victorino comezou con novos proxectos; todos eles relacionados coa música e as orquestras, tocando nalgunhas das mellores daqueles momentos. A orquestra Gran Veracruz de Ourense, ao a Capitol de Santiago; á que estivo vencellado durante doce anos, forman parte do seu amplo currículo musical. As bandas de música tampouco faltan nesa ampla relación de agrupacións nas que Victorino deixou a súa pegada profesional: Banda de Lalín, Banda de Vilatuxe e Banda de Prado tamén lle deron acubillo musical ao longo dos anos. De todas, explica, garda moi boas lembranzas, amigos e compañeiros.

Agora as saídas musicais de Victorino están ligadas á Charanga KM Cero. «Cando teñen unha actuación polo pobo, ou por algunha zona próxima, sempre o avisan para que vaia», comenta a súa familia. A felicidade de seguir coa música nótase na súa faciana, e en todas as actuacións nas que participa con enormes doses de entrega ao que mellor sabe facer: tocar.

Dolannes Melodie de Jean-Claude Borelly, a preferida

Se hai unha peza musical que sempre está no repertorio de Victorino é a Dolannes Melodie do compositor Jean-Claude Borelly, que data do ano 1975, e que lle tocaba sempre aos seus fillos Isabel e Francisco Javier; que seguiu os seus pasos musicais e é guitarrista, nos seus aniversarios.

Das outras moitas lembranzas de Victorino está o ter o trombón aos pés da cama, conta cun sorriso, e mesmo «dicirlle a algún compañeiro que a nota que tocara non fora a correcta», ri emocionado.

Toda unha vida dedicada a disfrutar e facer gozar da música. Parabéns Victorino!