Crespo ten razón

Alba Forno

DEZA

23 ene 2024 . Actualizado a las 19:21 h.

Cando alguén ten razón hai que darlla. Eu non quero ter a soberbia de non aceptar a verdade cando quen a di ten outros ideais políticos. Efectivamente, Crespo ten razón cando di que a AP-53 é excesivamente cara. Moita da xente que transita por ela a diario é de Lalín e sería unha magnífica nova a súa gratituidade. Axudaría, cando menos, á vertebración do interior de Galicia e tamén ao aforro das familias e das empresas da nosa zona.

Cando Crespo comeza a perder a razón é cando culpa da peaxe ao PSOE. Incluso a Pedro Sánchez! Porque se facemos memoria, a AP-53 abriu no 2004 cun período de concesión asinado que chegaba ao 2048 (anos máis tarde subiríana ata o 2074). Daquelas quen gobernaba o Estado, a Xunta e o Concello de Lalín non era outro máis que o PP. Foi o partido de Crespo o que privatizou a vía de alta capacidade e permitiu estas condicións abusivas para o tramo de Santiago-Alto de Santo Domingo, incluída a suba do prezo en relación ao IPC.

Crespo tampouco ten razón cando afirma que pelexa dende hai anos pola rebaixa. Acórdalle só cando en Madrid goberna o PSOE. Nos anos de Rajoy non abriu boca. Dende a apertura da autoestrada ata o día de hoxe, o PP gobernou 8 anos no Estado, 17 na Xunta e 17 en Lalín e en todo este tempo, nunca pediu a gratuidade da AP-53. Ata hai dous días dicía que era “un canto ao sol”, que era “inviable”. Agora pídea. Pídea por puro oportunismo político. Pídea para confrontar co goberno central na campaña das autonómicas e para minimizar a rebaixa que por fin fará realidade o PSOE. Volve utilizar de maneira partidista a autopista e a razón que puidera ter, vólvea perder.

Dóelle que o PSOE sexa quen de arranxar as desfeitas do PP. E na súa obsesión co noso partido prefire contradicirse antes que aceptar que as rebaixas serán moi favorables para Lalín.

A gratuidade sería un bo escenario, mais está claro que os anunciados descontos son unha melloa para os nosos petos e un primeiro paso moi necesario. Se eu tivese a oportunidade non me opoñería nunca a unha rebaixa e ofrecería todo o meu apoio ao propoñente, viñese da cor política que viñese. Aí é onde está a coherencia que se nos esixe aos políticos.

O goberno de España está conseguindo, pouco a pouco, avances sociais importantes como o recente incremento das pensións (co PP en contra) ou do Salario Mínimo Interprofesional. Faino coa convicción de axudar á xente desde o primeiro ata o último día de cada lexislatura. Persoalmente, desagrádame o uso demagóxico e hipócrita daquelas cuestións que teñen que ver coa calidade de vida da cidadanía.

Aínda así, creo que a AP-53 debeu e debe de ser unha vía gratuíta, como afirma Crespo e como, por certo, é gratuíto o tramo de Alto de Santo Domingo-Ourense, por suposto feito baixo o goberno que liderou o PSOE na Xunta.