Biblioteca aberta para o Día do Libro

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento é unha das coleccións mellores dotadas de toda Galicia.
A biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento é unha das coleccións mellores dotadas de toda Galicia. Álvaro Ballesteros

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento festexa unha data con ecos en cidades e vilas de todo o país con exposicións, faladoiros e contacontos

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) súmase á celebración do Día do Libro cunha xornada de portas abertas na súa biblioteca, que está considerada como unha das máis valiosas e mellor fornecidas de Galicia: os seus fondos suman máis de 25.000 monografías, 8.500 folletos e 800 coleccións de revistas. Este martes, a partir das 11.30 horas, poderase ver na súa sede do pazo de San Roque unha representación dese patrimonio bibliográfico. «Se trata de exponer una pequeña muestra visual del tipo de fondos que tenemos», explica Isabel Romaní, bibliotecaria desta entidade de titularidade compartida entre o CSIC estatal (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) e a Xunta.

Para esta edición do Día do Libro déronlle especial protagonismo ao arquivo de prensa do século XIX, fundamentalmente, así como aos documentos gráficos. Entre estes últimos inclúense portfolios coleccionables «que dan a conocer Galicia, permitiendo ver algunos elementos que ya no existen en la actualidad», resaltou a bibliotecaria. Trátase de traballos asinados por L. Nesta, S. Montalbo e J. P. Guerra, entre outros, que permiten visualizar como eran hai décadas Melide, Pontevedra, Pontedeume ou a torre de Vilalba, entre outros puntos.

A base fundamental dos fondos do IEGPS procede do desaparecido Seminario de Estudos Galegos. Precisamente, ligadas a esa orixe amosaranse algunhas fichas de traballo e fotografías das xeiras que levaron a cabo os seus membros hai un século. Hoxe tamén se exhibirán carteis, entre eles, un do Día do Libro de 1964, así como algúns facsímiles de libros antigos, sen esquecerse das propias publicacións do centro.

O fondo documental da biblioteca do IEGPS «es muy conocidos por los investigadores, pero al público general también le gusta verlo ya que está muy bien nutrido y no solo es de temática gallega, sino que también abarca fondos a nivel internacional», explica Romaní. Entre a documentación que custodia ten especial relevancia a correspondente ao Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 e a asemblea de concellos de 1932 ligada a este. Porén, nesta ocasión non se exhibirán ningún destes fondos porque se van catalogar agora e non queren interferir nas tarefas. Tamén contan do Arquivo da Exposición Rexional Galega de 1909 e o fondo fotográfico de Chicharro Bisí, entre outros que foron incorporando.

Precisamente, o mes pasado o IEGPS sumaba ao seu patrimonio documental o arquivo do pazo de Froián, en Sarria, tras unha doazón. Nel inclúese unha ducia de caixas de documentación cun millar de escrituras manuscritas que abarcan desde a primeira metade do século XVI ata as primeiras décadas do XX.

Ares, San Sadurniño, Ourense...

A celebración do Día do Libro esperta ecos en todo o país. En Ares, por exemplo, a Alianza Aresana entregará aos usuarios da biblioteca doces con forma de rosas. Tamén haberá un obradoiro para nenos de catro a seis anos, e o fallo do seu concurso de microrrelatos. En Narón, apostan polo intercambio co proxecto Trocolibro, unha actividade na que os lectores poderán cambiar libros e de paso falar de literatura. En San Sadurniño, os nenos participaron xa o luns en sesións de contacontos. Alumnos de primaria do CPI de San Sadurniño estiveron con Vero Rilo para abordar historias orais, e os máis pequenos da escola infantil A Rolada escoitaron á escritora María Canosa co seu conto Unha fábrica de bicos.

En Ourense, a bandexa do almorzo dos pacientes ingresados nos catro hospitais públicos da área sanitaria levará este martes un marcapáxinas, un agasallo impulsado por la Agrupación Provincial de Libreiros, que incorpora un código QR que permite consultar todas as librarías da asociación e as súas recomendacións de lectura. Entre outras iniciativas, as cafeterías Apetéceme do CHUO traballan desde hai dez días nunha campaña de recollida de libros, contos e cómics que serán entregados ao servizo de humanización para o seu reparto entre os pacientes.

A actriz Berta Ojea, premio Mestre Mateo 2023 por Rapa, imparte en Barbadás unha conferencia sobre o libro A única, Maria Casarès, de Anne Plantagenet, publicado en galego por Kalandraka. Ojea coñeceu ademais a Casares.

Na Coruña haberá unha solta de libros nos parques próximos a cada biblioteca. Desta forma se liberarán lotes que estarán identificados con instrucións sobre como participar. Baixo o lema Letras que unen, oficios que inspiran e historias que transforman, estenderanse ao longo de toda a semana talleres, contacontos e faladoiros. O Museo de Belas Artes sumase á festa cunha visita guiada á biblioteca na que se explicará a historia das súas coleccións.

En Monforte haberá dúas presentacións na libraría Pelayo: Usos, costumes e cousas do Courel, obra reeditada de Jesús Alfonso Parada Jato, e dúas novelas de Anxo Muíños, escritor rianxeiro domiciliado en Castro Caldelas, Eterno mar de Lot y Huir a Mouramia, publicadas por Peruchela, un pequeno selo monfortino. En Sarria presentan a ruta literaria A desfeita sobre a obra homónima de Camilo Gonsar reeditada por Galaxia.

Na Semana do Libro e a Lectura que impulsa a área de bibliotecas de Carballo, coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, actuarán contadores de renome.

A biblioteca da UNED de Lugo promove a actividade Hidrata a túa mente. Inserindo 50 céntimos na máquina de bebidas do vestíbulo e marcando o código 43 o 44, obtense unha botella reciclada que contén un extracto dun libro de temática medioambiental, dispoñible para préstamo. Ademais deste «grolo de sostibilidade lectora», recibirán unha participación no sorteo de dous lotes ecosostibles.

Baixo o lema de A desCuberta dos libros, a Deputación de Pontevedra anima a lectura dos máis pequenos promovendo cunha sesión de contacontos —dirixida por Caxoto— apoiada polo ilustrador Marc Taeger: Contos debuxados, debuxos contados.