Unha mudanza excepcional: 100.000 libros e mil pezas de arte cambian de casa na Coruña

CULTURA

Xulia Santiso, a responsable da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, diante do retrato da nai da condesa, pintado por Sorolla
Xulia Santiso, a responsable da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, diante do retrato da nai da condesa, pintado por Sorolla ANGEL MANSO

A Real Academia Galega desmantela a súa sede, que será derribada para súa rehabilitación

28 oct 2022 . Actualizado a las 10:43 h.

«Isto non estaba preparado. Houbo unha pequena derruba no salón de actos», adianta Henrique Monteagudo. Na sala onde se celebran as presentacións e plenarios vese o burato aberto no teito. O vicesecretario da Real Academia Galega (RAG) móvese con coidado, esquivando caixas e paquetes repartidos polos cuartos e corredores. Nas paredes faltan xa moitas pinturas.

«Estas son as cadeiras orixinais nas que se sentaban Manuel Murguía e os compañeiros da Cova Céltica. Ese cadro é un Seoane», conta con admiración o académico. A primeira vez que Monteagudo visitou a institución situada na Cidade Vella da Coruña era un estudante. «Vin nunha excusión desde Muros», lembra.

Os anos pasaron e poucas cousas cambiaron no número 11 da rúa Tabernas desde a reforma realizada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat nos 70, despois de que as herdeiras de Emilia Pardo Bazán cedesen a súa casa na cidade para a institución.

O edificio pronto será historia. A comezos do 2023 comezan as obras que tirarán todo o interior da estrutura, con risco de derruba. Do que hoxe vemos só se conservarán as fachadas dianteira e traseira, protexidas, e parte do accidentado salón de actos.

«Todo comezou aquí», di Monteagudo camiño do quinto e último piso. Un faiado empregado como almacén. «A humidade, inimiga dos arquivos, filtrábase polas ventás. Tamén nos preocupaba a caldeira, dos anos 70, unha histórica e un perigo», describe. O que non agardaban era o diagnóstico dos técnicos de Fomento que no 2015 visitaron a RAG: o edificio podía virse abaixo.

Xulia Santiso, a responsable da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, diante do retrato da nai da condesa, pintado por Sorolla
Xulia Santiso, a responsable da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, diante do retrato da nai da condesa, pintado por Sorolla ANGEL MANSO

Agora os prazos meten présa. Para novembro estarán instalados na que será a súa sede provisional os dous próximos anos, un almacén do polígono industrial de Pocomaco, na Coruña. «É unha solución de emerxencia, non imos dicir que esteamos entusiasmados, teríanos gustado ocupar un espazo público no centro, acorde coa institución, pero a nave que alugamos require as condicións para os fondos e os traballadores», confesa Monteagudo.

Non van sós. Con eles teñen que levar miles e miles de pezas entre os fondos do arquivo, da biblioteca ou da hemeroteca. Todo o que esta institución acumulou ao longo de case 120 anos de historia. «Entre libros, revistas e folletos temos máis de 100.000 volumes», fai a abrumadora conta Henrique. A isto hai que engadir as fotos, como todas as de Rosalía.

Lois Bande, o encargado da colección de arte, elixe a palabra «tensión». Todo está moi medido, pero entre mans teñen pezas de Castelao, pinturas de Sotomayor, Madrazo, Souto, Ovidio Murguía... ou tapices da escola flamenca do século XVII. Todo ten que chegar intacto a Pocomaco para volver coas mesmas garantías. «Tes unha responsabilidade sobre un patrimonio moi valioso», asinte Monteagudo.

Henrique Monteagudo, o vicesecretario da RAG, no despacho do presidente. As cadeiras son «as orixinais nas que se sentaban Manuel Murguía e os compañeiros da Cova Céltica», resalta. O cadro do fondo é un Seoane
Henrique Monteagudo, o vicesecretario da RAG, no despacho do presidente. As cadeiras son «as orixinais nas que se sentaban Manuel Murguía e os compañeiros da Cova Céltica», resalta. O cadro do fondo é un Seoane ANGEL MANSO

Manipular obras «magníficas»

Tres empresas distintas fan o traslado. Unha para os fondos documentais, outra para as pezas de arte, sobre unhas mil, e outra para o mobiliario histórico. «Requiren tratamentos e embalaxes diferentes», precisa Monteagudo.

«É todo magnífico, estás pisando unha alfombra da Real Fábrica», di, non sen pena, Xulia Santiso, a directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que ocupa a segunda planta. Só aquí hai unhas 400 pezas de valor, como o Sorolla da nai da condesa ou o escritorio no que sentaba a ler e crear dona Emilia. Por non falar da súa biblioteca. Con luvas, Xulia supervisa os paquetes: «Os cristais desta vitrina son os orixinais, vouna a deixar para o último».

A nostalxia é inevitable, pero hai ilusión. «Non era cómoda, a sede quedou moi anticuada. As escaleiras e o ascensor son moi estreitos, non había unha saída de emerxencias en condicións. Alguén en cadeira de rodas non podía visitar a casa-museo. Temos que conservar a memoria, pero tamén ter un edificio acorde cunha institución do século XXI, dixitalizada e presente nas redes», defende Monteagudo.

Non é un adeus. O proxecto de Gonzalo Moure, «é precioso», desvela o vicesecretario. Traducirase dunha sede máis aberta, accesible e atractiva á que volverán, con sorte, no remate do 2024.

Tres empresas distintas asumen a mudanza. Unha especializada en pezas de arte, na RAG teñen sobre un milleiro; outra en fondos documentais e hemerográficos e outra en mobiliario. Só na Casa Museo Emilia Pardo Bazán suman unhas 400 pezas de valor
Tres empresas distintas asumen a mudanza. Unha especializada en pezas de arte, na RAG teñen sobre un milleiro; outra en fondos documentais e hemerográficos e outra en mobiliario. Só na Casa Museo Emilia Pardo Bazán suman unhas 400 pezas de valor ANGEL MANSO

De María Pita a un edificio do «século XXI», todas as casas da Academia

Desde a súa constitución en 1905, a RAG, a segunda academia da lingua máis antiga de España, tivo tres sedes. Todas na Coruña. A primeira, na rúa Rego de Auga. Desde mediados dos anos 20 e ata 1978 estivo no pazo municipal de María Pita. Coa democracia, chegou á súa actual sede. A reforma, que dirixe o arquitecto Gonzalo Moure, está financiada polo Ministerio de Transportes. Nos orzamentos estatais do 2023 hai unha partida de 1,6 millóns e nos do 2024, de 1,5. A mudanza e aluguer da nave de Pocomaco finánciaos con 600.000 euros a Xunta. A RAG asinou un acordo co Concello que lle cederá espazos para os actos oficiais.