A Xunta afrontará o custo do traslado temporal por obras da Real Academia Galega

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

Marcos Míguez

Os orzamentos asignarán 600.000 euros á mudanza e o aluguer da nave no polígono coruñés de Pocomaco, onde se instalarán os fondos e a actividade da institución durante dous anos

10 oct 2022 . Actualizado a las 20:12 h.

A Xunta fará fronte aos 600.000 euros que custará o traslado e aluguer da nave onde desenvolverá a actividade e gardará os seus fondos a Real Academia Galega (RAG) con motivo da rehabilitación da sede do 11 da rúa Tabernas da Coruña, conforme o protocolo asinado este luns polos seus presidentes, Alfonso Rueda e Víctor Fernández Freixanes, respectivamente. A contía final pode variar despois de analizar polo miúdo os gastos da mudanza, que implican mover, asegurar e conservar durante dous anos todo o contido da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, o arquivo, a biblioteca, a hemeroteca e cantos bens atesoura a Academia desde a súa fundación en 1905.

A magnitude do patrimonio material gardado no edificio histórico da Cidade Vella coruñesa constituiu de feito a causa maior da obra de rehabilitación integral que comezará a primeiros do 2023, financiada polo Ministerio de Transportes con cargo ao 1,5 % do presuposto dedicado a patrimonio cultural. A estrutura do edificio que foi residencia de Pardo Bazán (hoxe organizado en soto, baixo e catro alturas) non ofrece a solidez precisa para resistir o peso dos bens e, unha vez que os técnicos diagnosticaron risco de derrubas, a obra resultou inevitábel. O Goberno central incluiu unha partida de 1,6 millóns de euros nos presupostos para o 2023 e prevé outro aporte de 1,5 millones no 2024. 

Neses dous anos será o executivo galego o que asuma as consecuencias económicas do baleirado do edificio, que manterá a fachada histórica, pero se renovará enteiramente por dentro. «A nosa obriga é botar unha man e traballar codo con codo coa institución que coida da nosa lingua, a nosa fala e a parte máis importante da nosa identidade», subliñou Alfonso Rueda, que aludiu á presenza no acto da «plana maior» da Consellería de Cultura para ilustrar a súa trascendencia.

Na súa primeira visita ao 11 da rúa Tabernas como presidente da Xunta, Rueda asinou no libro de honra, visitou as instalacións e lembrou que tamén tivo que ver coa RAG, en Valdeorras e co gallo das Letras de Florencio Delgado Gurriarán, o seu primeiro acto como xefe do goberno. Recoñeceu tamén as «tarefas pendientes» da Administración que dirixe para promover e protexer o galego no ámbito do deporte, as familias e as novas tecnoloxías e incidiu en que «fan falta investimentos potentes». Ao rematar o acto, confirmou que a Xunta solicitou ao abeiro dos fondos europeos Next Generation unha axuda de 15 millóns de euros «fundamentalmente para sistemas de recoñecemento de voz en galego».

Agradecido ao apoio recorrente da Xunta e nomeadamente en proxectos como o portal de toponimia ou o diccionario bilingüe galego-castelán no que están a traballar para fornecer aos neofalantes dunha ferramenta de uso, Víctor Fernández Freixanes recoñeceu a achega extraordinaria para este período de transición -«preocupábanos moito», admitiu- antes de pedir reforzos. «Que queremos máis? Pois si. Chanzo a chanzo, non renunciamos a chegar ao tellado», dixo, e comparou a dotación da institución galega coas das súas homónimas catalá e vasca. Tamén reafirmou a vontade da RAG de manter os vínculos coa cidade que a viu nacer. «Desde o primeiro momento esta casa tivo claro que non se movería da Coruña no tempo que duren as obras, e ofertas tivemos, non só de Santiago», apuntou o presidente, que recoñeceu a boa disposición do Concello para cederlle espazos municipais nos que celebrar as reunións plenarias e os actos públicos durante os dous vindeiros anos.

A Real Academia Galega, impulsada a comezos do século XX por Curros Enríquez, Fontenla Leal e Murguía, terá una sede renovada a finais do 2024. A revolta tecnolóxica que trouxo a pandemia abriu o horizonte, contou Freixanes, «e hoxe xente de Nova York, Bos Aires, París ou de todas as cidades con cátedras de galego seguen os nosos actos por streaming», citou a modo de exemplo. E adiantou o salto a novos tempos ao fío do novo edificio. «Con todo este pedigrí de Murguía, Rosalía, Curros, Fontenla, Pondal... pero somos unha lingua e unha cultura do século XXI cunha extraordinaria creatividade (...) Iso é o que lle dicimos ao arquitecto autor do proxecto, Gonzalo Moure. Queremos unha academia con memoria histórica, porque é a segunda máis antiga de España, pero do século XXI. Sen excesos nin megalomanías, queremos trasladar iso ao edificio».