Sanción inoportuna e incomprensible ao secadoiro de congrio de Muxía

Xan Fernández Carrera

MUXÍA

XAN FERNANDEZ

06 jul 2022 . Actualizado a las 08:41 h.

A noticia da comunicación da sanción de 5.000 € por parte de sanidade, a Miguel Diz, responsable do secadoiro tradicional de congro de Muxía, prodúcenos indignación, pero ao mesmo tempo moita tristeza polas consecuencias que ten respecto ao futuro deste valioso resto etnográfico.

A sanción poderá estar moi xustificada desde o punto de vista administrativo e sanitario, pero para nada se pode entender desde unha perspectiva cultural, ética ou humana. Resulta incomprensible que unha administración, neste caso, un departamento de sanidade da Xunta de Galicia, actúe dun xeito tan desafortunado e contribúa á desaparición dun dos bens patrimoniais máis importantes de Muxía e da Costa da Morte.

O comportamento dunha institución pública debería ser o contrario de como se actuou neste caso, o de preservar e protexer o patrimonio existente e poñer os medios necesarios para que este se manteña no tempo e poidan gozar del os cidadáns actuais e as futuras xeracións.

Se a propia administración non amosa sensibilidade e respecto polo patrimonio e non dá exemplo en positivo de cara a súa conservación, dificilmente lle poderá exixir á cidadanía que actúe con responsabilidade neste eido.

Os técnicos da administración xustificaron esta grave sanción en base, entre outras causas, ao estado das instalacións do secadoiro, á carencia de auga quente ou a que o secado do peixe se facía ao aire libre, pois claro, que este tipo de curado tradicional ten que ser no exterior, tal como se fixo toda a vida desde hai centos de anos. De non ser así, xa pasaría a ser outro tipo de actividade, que pode estar máis en consonancia coa normativa sanitaria, pero que deixa de ter o valor patrimonial da anterior.

A administración ademais da súa misión de velar polo cumprimento da lei, como aplicou neste caso, ten tamén a función de asesoramento, e se é necesario, a de aporte económico para a conservación daqueles bens patrimoniais que corren o risco de desaparecer. Parece ser que con respecto a este secadoiro ningunha destas dúas responsabilidades se aplicaron, senón que se optou pola medida máis prexudicial, que conduce ao peche desta actividade artesanal, e como consecuencia, á desaparición do secadoiro.

Neste tipo de actuacións é onde se percibe se unha administración, reflexo da política dun goberno, actúa como correspondería a unha institución actual do século XXI, con sensibilidade e respecto cara ao noso patrimonio, como é este secadoiro de congro ou pola contra, se mostra dunha maneira insensible sen imporlle as consecuencias que se deriven de decisións coma esta.

Réstanos por ver cal será a reacción doutras entidades como Patrimonio da Xunta ou os concellos e asociacións turísticas da Costa da Morta diante da perda deste singular ben, que representa un gran simbolismo identitario da tradición pesqueira deste territorio, tantas veces mostrado nos folletos e guías turísticas da Costa da Morte.