O Couto, Carballo e Cee súmanse ao festexo do Día da Poesía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Alomenos nestas tres localidades haberá arredor do vindeiro 21 de marzo actos pola efeméride

17 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 21 • Non podería a terra do bardo Eduardo Pondal deixar pasar a conmemoración do Día da Poesía, que ademais cadra co Día da Árbore. É por iso que na sede da entidade que leva o nome do autor do Himno se programaron varias actividades, impulsadas tamén pola Casa da Muller. No Couto, en Ponteceso, haberá primeiramente unha charla do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo). Anxo Moure sumará contos e Irma Macías voz. Merenderán os asistentes pan con chocolate —levarán de agasallo un bidueiro— e prantaranse ademais 25 variedades de maceiras, nunha actividade interxeracional na que os máis pequenos recitarán e cantarán. Colaboran coa Fundación Pondal a Consellería de Medio Rural, o Concello de Ponteceso e o servizo de normalización lingüística do colexio Eduardo Pondal.

Tributo a Villalta, lectura e violíns en Espiral Maior Foro

Xoves 21 • O espazo cultural Espiral Maior Foro, no 34 da rúa do Sol de Carballo, tamén se sumará á conmemoración do Día Mundial da Poesía. Farao na propia xornada, xoves 21 de marzo, na que será tamén unha homenaxe a Luísa Villalta, a quen neste 2024 se lle dedican as Letras Galegas. Así, preparouse en primeiro lugar unha lectura poética, da que tomarán parte Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Miguel Anxo Fernán Vello, Silvia Tasende e Tania Trigo. A velada terá asemade intervención musical, cos violíns de Elisa Cereijo Mosquera, Carla Lema Lema, Rodrigo Ríos Louro e Cristian García Marcos. Presentará Caro Pacoret. O encontro, no que colaboran Conservatorio e asociación Lumieira, botará a andar ás 20.15 horas. O acceso é libre.

«Cantares... Sentimentos», con Manuel Oliveira en Cee

Sábado 23 • Deu a coñecer o Concello de Cee estes días a programación para o que resta de marzo. A primeira cita será o martes 19, ás 19.00, un festival da Escola de Música. Ao día seguinte, 18.00 horas, charla sobre prevención de lumes no fogar, organizada por Amas de Casa e Extinción Galega. Virá logo a conmemoración do Día Mundial da Poesía (21), festexo que en Cee se fará o sábado 23, ás 20.15. Correrá a cargo de Manuel Oliveira, Manolín, e do seu espectáculo Cantares... Sentimentos. Porá a súa voz aos Machado, Lorca ou Rubén Darío. Fernando Fraga e Luís Currás encargaranse do directo musical, na primeira parte con sentimento da Semana Santa andaluza, que Manolín viviu na súa nenez en Sanlúcar de Barrameda. Terán finalmente os nenos DiverCee os días 26 e 27: de 16.30 a 19.30, na Praza 8 de Marzo.