Recollidas máis de catro toneladas de residuos orgánicos en só unha semana en Carballo

La Voz

CARBALLO

ANA GARCÍA

Na carpa que se instalou o xoves de feira formalizáronse 95 novas altas

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En só unha semana de andadura do proxecto «Ti tes a chave» recolléronse en Carballo 4,5 toneladas de residuos orgánicos, que foron trasladados á planta de compostaxe de Sogama. A iniciativa botou a andar de xeito moi satisfactorio e non só en canto á cantidade de desperdicios recollidos, senón tamén ao ritmo de adhesións. Nestes momentos hai inscritos 658 participantes, dos cales 99 son grandes produtores.

Só durante a mañá do xoves, no posto informativo instalado durante o mercado semanal, lograron formalizarse 95 altas, un resultado que o executivo agarda repetir na carpa que se colocará este domingo no Campo da Feira (10.30 a 13.30 horas). Os interesados poderían, ademais, sumarse a este proxecto achegándose ao local de Carballo Limpo, situado nas galerías da rúa Desiderio Varela, en horario de 10.00 a 14.00 horas de luns a venres.

Cada participante recibe un paquete que consta dun caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores colocados na vía pública para depositar os residuos xuntados.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o edil de Servizos, Luis Lamas, expresaron a satisfacción do goberno municipal co arranque do servizo e animaron á veciñanza a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de dióxido de carbono, garante un fertilizante de calidade e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que a tarifa que se paga a Sogama polo tratamento da quinta fracción é inferior á que se debe abonar pola bolsa negra xenérica.