Pau Rañón, As Encrobas, febreiro 1977-2017

La Voz TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se podía respirar, recollen as crónicas do 15 de febreiro de 1977 en Pau Rañón. O día da gran batalla erguéronse paus contra metralletas, tiráronnos ao chan, leváronnos presas… O home dos lentes escuros trepou a terra que nos querían roubar. Mais ese día no que nos viñeron asaltar ás Encrobas, a unión que viñamos tecendo entre todas estalou en berro seco: comezaba a Loita das Encrobas. Corenta anos despois, nós, veciñas e veciños das Encrobas, collemos a testemuña do ollar que as nosas avoas nos envían coma unha mensaxe a través do tempo. Xuntámonos coas que aínda hoxe contan como os raposos capitalistas, axudados por cabaleiros de servir, intentaron roubárllelo todo. Botáronnos do noso val, mais non damos a esquecemento á revolta, á loita, á resistencia das mulleres e homes da nosa parroquia. Non esquecemos e non deixamos de proclamar a nosa unión fronte a Unión Fenosa, esa empresa que aínda hoxe mantén un valo cercando a nosa Atlántida. Queremos ver o que noutrora foi o noso fermoso val. Que a loita das Encrobas sexa recoñecida pola empresa, a administración local e nacional. Que as mozas e mozos máis novas coñezan a Moncho Valcarce, Francisca de Anguieiro, Cesáreo e Manolo de Hilario, O Costiñán, Carme de Xende, Asunción da Quintán, Antonio da Rañoa, Josefa de Moar, Carmucha de Conrado, Milia de Cardiña e tantas e tantos… Que saiban que noutrora, antes do burato, as mouras e os mouros habitaban no alto do coto de Guichar e por un túnel cruzaban todo o val para ir darlle de beber aos cabalos ao río de Navás. Queremos lembrar a todas as veciñas e veciños coas que compartimos xolda, traballo e felicidade antes de que o burato dinamitase todo. Xuntarnos con aquelas que aínda vivindo lonxe da parroquia, seguen dicindo «eu son das Encrobas». Que cando vexades a chave dunha bombilla ou vos cobren os recibos da luz, vos lembredes das Encrobas, como escribía Manolo Rivas en Teima no 77. «Que a xente nos vexa e nos coñeza», como dicía Maricarme de Hilario no documental A Ceo Aberto. Este domingo 19 de febreiro [mañá] imos xuntarnos veciñas e veciños da parroquia e todas aquelas organizacións e persoas implicadas na revolta para lembrar, conversar, reivindicar… Reviviremos os enfrontamentos do 15 de febreiro en Pau Rañón, un dos acontecementos máis tensos da Loita das Encrobas, que marcou un punto de inflexión nas negociacións coa empresa eléctrica e que espertou o apoio de boa parte da sociedade galega, española e internacional da época. Os enfrontamentos entre as labregas e labregos das Encrobas e a Garda Civil foron fotografados por Xosé Castro, Pepucho. Tamén acudirá para retratar a recreación dun fito histórico do movemento agrario galego. Así mesmo, nesta marcha conmemorativa do 40 aniversario contra a expropiación forzosa haberá distintas intervencións de persoas e colectivos implicados nos anos 70. Teremos tempo a conversar, camiñar e lembrar xuntas.

Texto asinado por veciños e veciñas das Encrobas. A marcha de mañá sairá ás 11.30 do campo de fútbol do Encrobas. Pídese que se leve paraugas de cor escura ou unha ferramenta labrega.