Un conto de fadas para coidar o medio ambiente

Manuel Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

Sogama patrocina un musical que percorrerá colexios e concellos galegos para concienciar sobre a xestión do lixo

20 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xúpiter, o deus do trono, quere destruír o planeta porque os seres humanos non saben coidalo. Pero a fada Diana sabe que os humanos non teñen a culpa, porque a culpa é da bruxa Contaminación». Así conta Ariadna Santana, dramaturga, directora e actriz principal da obra, o argumento de A fada Diana no bosque musical, unha peza que percorrerá diversos centros educativos e concellos galegos co fin de concienciar a maiores e pequenos sobre a necesidade de preservar a contorna natural e xestionar correctamente os residuos urbanos. Unha obra escrita para nenos de entre tres e doce anos, que poderán disfrutar dela ao longo dos vindeiros meses.

A obra foi xestada pola firma pontevedresa The Fairy StoryTeller Productions. «Cando fun vivir para Madrid, dinme conta do importante que era a natureza para min», conta Ariadna. «E estando de xira por Turquía, paseando por Estambul, decateime da cantidade de contaminación e lixo que se produce nas grandes cidades. Entón pensei: ¿Como podo concienciar a xente para que isto pare? Foi entón cando desenvolvín a idea e enviámoslle o proxecto a Sogama».

A representación insiste en educar aos cativos en valores como o respecto polo seu entorno, o compañeirismo ou a saúde, amén de devolverlle á natureza «todo o que ela nos brinda», explica a autora. «E tamén se aprende sobre mitoloxía romana cos personaxes de Diana e Xúpiter», lembra Ariadna. E non se queda aí a aprendizaxe, xa que a peza está composta para ser interpretada en galego, castelán e inglés. A fada Diana no bosque musical conta tamén cun sinfín de recursos técnicos e dramáticos. A trama desenvólvese nun bosque onde o xogo de luces vai dando paso a diferentes escenas e personaxes.

teatro a fada diana no bosque musical