Museo de Man, unha esperanza

Antón Sobral

CARBALLO

13 ago 2013 . Actualizado a las 07:10 h.

Man sempre me interesou pola súa autenticidade. Hai poucos artistas que a súa persoa sexa tamén parte da mesma obra. Lémbrame a Marina Abramovic, esa avoa da performance que tanta forza ten a súa presenza física. Man e tamén un referente na Costa da Morte. Muxía ten unhas pedras sagradas no santuario da Barca arredor da Pedra de Abalar. Camelle e toda a zona de Camariñas ten o museo de Man, que atrae a máis xente que o Centro Galego de Arte Contemporánea.

Eu que visito con asiduidade estes dous museos podo comprobar que no verán son máis as persoas que se desprazan a ver os restos do Museo de Man. Eu quixera crer que este novo impulso que o Concello de Camariñas trata de impulsar anovando a fundación Man sexa o definitivo. Quero afirmar que o museo Man ten un valor cultural e turístico e polo tanto económico que aínda esta por emerxer. Nestes tempos de crise dura iniciativas como esta, cun bo proxecto de visibilidade, pode aportar riqueza a unha zona que esta na periferia pero que ofrece unhas posibilidades que poucos espazos en Galicia poseen. E non hai que construír nada. Restaurar e dar a coñecer o legado do anacoreta. E non falo do museo, senón das obras de arte que se gardan na fundación. Fotografía, películas, libros de artista, esculturas, debuxos e moitos obxectos artísticos que converten a Man de Camelle nun artista importante e prestixioso. Man é de todos. Os políticos de todo signo deben apoiar a fundación e o museo como o apoian moitos intelectuais galegos xa sexan artistas, arquitectos, historiadores da arte, escritores e o pobo galego en xeral. O Museo do Prado é de todos, goberne quen goberne, así como o de Man é de todos polo que debemos deixar este tesouro nas mellores condicións posibles a futuras xeracións. Non sei se esta é a derradeira oportunidade, pero merece a pena confiar outra vez. E dío un artista das Rías Baixas.