De Ancoradoiro á elite da gaita

OUTES

Gañou ata en cinco ocasións o certame de Lorient, o máis prestixioso a nivel internacional

08 mar 2015 . Actualizado a las 13:41 h.

Nun eido tan selecto como o da música tradicional é doado entrar desde Barbanza, pois hai agrupacións e concellos que a promoven, pero moi complicado abrirse camiño a nivel profesional e pouco probable chegar ao cumio. Iso fai que traxectorias como a de Edelmiro Fernández Parada (Ribeira, 1973) sexan máis destacables. De dar os seus primeiros pasos na antiga formación ribeirense Ancoradoiro pasou a medirse cos mellores gaiteiros do mundo, chegando a impoñerse no pulso musical máis prestixioso ata en cinco ocasións.

Aínda sen ter cumpridos os 18 anos, Edelmiro Fernández decidiu que era o momento de medir realmente a súa valía. Preparouse para empezar a participar en certames como gaiteiro solista. A primeira experiencia no foi demasiado positiva: «Presenteime e fun seleccionado no concurso Fin de Siglo (Ourense), pero o día da final tiña un compromiso coa banda e, como non dispoñía de carné nin tiña quen me levara, non cheguei. Por ser finalista si que tiven ocasión de gravar un tema».

Éxito no berce do folk

Este tropezo ocorrido no 1990 viuse de sobra compensado nos anos posteriores. No 1995, o ribeirense convertíase no mellor gaiteiro do mundo, ao facerse con trofeo Macallan disputado en Lorient (Breteña), o berce do folk. Despois chegarían outros primeiros postos neste certame considerado o máis prestixioso a nivel internacional, nos anos 1996, 1998, 2001 e 2007, cando xa se chamaba trofeo Mac Crimmon. «É o certame máis recoñecido e tamén o que máis esforzo require, pois hai que interpretar un repertorio de pezas en galego, outro asturiano e outro bretón. Son estilos moi diferentes e a concentración está ao límite», explica.

No pasado con Ancoradoiro e na última etapa cos cuartetos Laghareu e Zamar, o ribeirense tamén incrementou a súa vitrina particular de trofeos. Todos estes galardóns permitíronlle a Edelmiro Fernández ir abrindo portas e poder dedicarse profesionalmente ao mundo da música: «Aí é onde coñeces á xente do sector, a quen despois che vai contratar».

Pero, se tivese que destacar un momento da súa longa e intensa traxectoria, non se quedaría co instante no que as súas mans tocaron un destes premios, senón cunha das moitas veces nas que, sobre un gran escenario, tentou dar o mellor de si: «Elixiría a primeira vez que actuei en Lorient coa Orquestra Sinfónica. Foi unha experiencia moi grata e emocionante».

Futuro prometedor

Aínda que sigue actuando, a carreira deste músico barbancés está agora máis ligada ao eido formativo. Nestes intres imparte clases en Outes, Luou e Cuntis. Bota en falla que en Ribeira, a súa terra, a música tradicional non teña un empurrón de carácter institucional, pero está convencido de que ao folk lle espera un brillante futuro: «Hai altos e baixos, pero polas gañas que vexo, a música tradicional seguirá polos séculos dos séculos».

Edelmiro Fernández quere contribuír superando a que cualifica de gran conta pendente: «Gustaríame gravar un disco como gaiteiro solista».

edelmiro fernandez parada músico

É diplomado en Educación Musical e titulado de grao profesional no conservatorio de Carballo.

Conta con case trinta premios e distincións como gaiteiro solista, ao que hai que engadirlle outros tantos conseguidos con diferentes formacións. Participou na gravación de 15 discos.

A día de hoxe, o ribeirense imparte clases en Outes, Luou e Cuntís; ao tempo que forma parte dos grupos Laghareu, Tri Be-Mol e Taghaitai. Tamén traballa como artesán no obradoiro Sanín.