A santa educación

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio está convencido de que moitos dos nosos ministros celebrarían con misa solemne e unha semana de xaxún que as aulas da universidade se instalasen nas bancadas das catedrais, e nas igrexiñas rurais as escolas de primeiras letras, que o púlpito fose a cátedra desde a que nada se pode negar e os cregos, funcionarios do Ministerio de Educación. E descríbenos o dedo acusador percorrendo as distintas iconas do templo para explicar como a xustiza se ceba no xuízo final para xustificar as inxustizas de cada día ou como ser pobre é un mérito do que só se goza tras o paso polo cadaleito.

Di Xulio que cando se ía camiño de adestrar as mentes para que prevaleza a tolerancia e o respecto ó diferente e a razón sobre o mito, vén a enésima reforma educativa a convencernos de que a cidadanía non se educa con tratados de urbanismo senón co catecismo, ese compendio de saberes que nos explica que os bos son os dóciles e os malos os preguntóns, que hai un ser superior no ceo, e na terra unha caterva de dirixentes a quen habemos de obedecer mansamente como soldados en pé de guerra. E se ben non é doado ensinarlle a uns rapaces que malamente son quen de facer unha regra de tres que o universo naceu como vítima dun exceso de concentración de materia ou que habitamos sobre a moxena dunha bomba que estalou hai case catorce mil millóns de anos e aínda segue expandindo as súas faíscas polo universo, a púrpura eclesiástica, facendo un esforzo sobrehumano, acepta a teoría do Big-Bang porque dalgún xeito serve para xustificar que alguén con só chiscar os dedos foi quen de crear o Mundo.

E como non lles é doado entender todo iso como a obra dunha reacción físico-química, as mentes embonetadas prefiren achacalo á fantástica obra dun mago capaz de argallar tal desastre dándolle volta á chisteira, e abrindo sobre os pupitres as fantasías bíblicas como se fosen verdades absolutas, nese difícil equilibrio por unir a razón coa crenza ou o cálculo matemático coa inventiva literaria, evidentemente dándolle preferencia á crenza sobre a razón e á fantasía sobre o cálculo.

E aí é onde volve o Ministerio de Educación a xogar coas consciencias do futuro, que a ver quen é o iluso que pode crer que a mona Chita sexa parente de todo un ministro civil ou relixioso, e que a verdade innegable é que somos descendentes dunha figuriña de barro e dunha costela arrincada a un santo varón que vendeu o paraíso por un simple repinaldo.

E entón claro está que alguén ha de acabar pensando que Deus xoga con nós ós dados para unhas cousas mentres que para outras todo forma parte dunha orde preestablecida e calculada por un ser que reina no Antigo Testamento como o déspota máis grande xamais coñecido, disfrazado de xusticeiro e vingativo onde nós non pintamos nada. Ou sexa, que mentres uns tratan de descubrir cales son as leis polas que se rexe todo este caos que vemos unha noite sen nubes, outros pretenden xustificar todo como Homero xustificaba os vaivéns de Troia ou de Odiseo segundo os desexos e as arroutadas deste ou daquel deus.

Xulio fala con claras mostras do cabreo que lle produce ver como, cando pensabamos que tiñamos a xeración máis preparada da historia, vén o noso ministro a xustificar que, como aquí non hai cartos para tanto científico ateo, mellor que se vaian a onde os queiran que nós imos meter nas aulas o dedo discriminador da sotana, para facerlles saber, desde ben cativos, que dos mansos e dos paspáns é o reino dos ceos.