Descalzos e sen báculo

A CORUÑA CIUDAD

06 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe por hoxe, o camiño de Santiago, como calquera camiño de romeiros é unha pasarela de roupa deportiva. Agora que empezan as peregrinacións á Pastoriza de Arteixo, a estrada que vai da Coruña ata o santuario énchese cada fin de semana de camiñantes que xa non van como outrora cun ovo en cada man, en silencio ou descalzos, agora abunda o Gore-Tex, as marcas gravadas con tinta reflectinte e os bastóns de fibra de carbono. A antiga cabaza é unha botella de bebida enerxética e as sandalias, unhas zapatillas con amortecedor de cámara aérea. Ata estou por ver un cadro exvoto agradecendo «Grazas, Santa Señora por sacarme o colesterol».

Acórdanos este asunto mentres tomamos unhas cañas en Palas de Rei, e comparamos a estes andadores con cando Xesús enviou ós seus apóstolos polo mundo adiante, «como ovellas en medio de lobos», que di o evanxeo, e lles recomenda ir sen cartos nin bolso nin un par de sandalias de reposto. E así se representan no románico, descalzos e sen báculo, ou co báculo medio tapado por cintas ou algún artefacto. Nin bolso nin mochila. Como moito o libro das Sagradas Escrituras ou o rolo do Antigo Testamento. Tivo que avanzar a Idade Media para que aparecesen os primeiros pés calzados, os primeiros aneis, o primeiro zurrón colgado do ombro de Santiago, que ata aquela ficaba sentado onde o puxesen, e tamén os primeiros bastóns, báculos e cetros nas mans de cada santo. E así como os artistas empezaron a engalanar con tales elementos ás divindades, tamén os romeiros se foron acomodando ó camiño, e o bolso ou a cesta, ademais da comida do devoto, levaba cartos para algún capricho e as ofrendas para o Patrón.

¿Quen non lembra o camiño de Moldes, san Bieito ou san Ramón cheo de mulleres coa cesta á cabeza?. Alí ían as empanadas da merenda e as galiñas para poxar.

Esa pasaxe do evanxeo de Lucas, onde se lembran as recomendacións de Cristo ós apóstolos, tamén dicía que fosen en grupos de dous, que non levasen cartos consigo e que alí onde os invitasen comesen e recuperasen folgos para explicar a nova doutrina. Eran outros tempos e outros santos capaces de aguantar o que lle botasen.

Este mes pasado, o meu amigo Alberte, deportista consumado pero que de santo só ten o amor da súa parente, despois de mercar un equipo de explorador, quedou na segunda etapa do camiño de Santiago, afectado de dores musculares, bochas nos pés e mutilación económica, tras pagar ó final de cada etapa unha peaxe chamada albergue. E bo é que o servizo de résgate, cando o foi buscar, aínda tivo tempo de parar no Cebreiro a mercar un deses queixos que tanto me gustan untados en pan ou acompañado dunhas ródallas de pera madura.

Cando non había estes adiantos deportivos de hoxe en día, ¿cal era a intención da divindade ó mandar ós seus servos con tan precarios medios polo mundo adiante?. Pois que descalzo e sen báculo -segundo di Xulio- é máis doado ir de casa en casa, sen cubrir longas e esgotadoras distancias, tocando todos os puntos do territorio, como goteira sobre papel de periódico, sen necesidade de grandes paradas curando os pés magoados, descansando e deixando de predicar.