A chegada do primeiro filme porno en galego está cada vez máis próxima. De feito, segundo confirmou un dos impulsores desta iniciativa, o lugués Alejandro Tobar, está previsto que a rodaxe comece este mesmo mes «para termos o filme listo para antes do verán», comentou. Entre os escenarios nos que se rodará está o caneiro do Piago.
O equipo está moi ilusionado con este proxecto que pretende ser máis que un traballo audiovisual, e converterse nun medio de normalización lingüística do galego «na vertente lúdico-sexual». De feito, neste sentido, as poetas María Lado e Lucía Aldao conducirán o mes que vén un tupper-sex co erotismo e o porno na literatura galega como tema, e os beneficios das vendas irán para costear o proxecto.
En canto ao financiamento, por agora levan recadados máis de 500 euros por medio de doazóns, e case 1.000 coa venda dos paquetes de coprodutor, ademais de co libro do guión. Aínda así, queren conseguir 1.500 euros máis: «Pensamos que é posible. Pero tanto se o conseguimos coma se non, trataremos de que a peli tire para adiante»
Precísanse homes
Por agora pecharon o elenco feminino de actores, pero faltan máis homes para completar o equipo. Se hai algún interesado pode escribir a casting@divinoferrete.com. E toda a información do filme está na web www.odivinoferrete.com.