Extintores contra arte

Xosé Marra

LUGO

24 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un bando municipal, publicado co gallo das recenbtes festas do San Froilán, mete no mesmo saco as actividades comerciais coma o top manta e as expresións artísticas de persoas que regalan as suas creacións na rúa.

Falouse da necesidade de obter un permiso. Pero eu mesmo chamei ao Concello nos primeiros días das festas para informarme do xeito de obtelo, e a resposta textual foi: A policía quería que non désemos ningún, pero demos uns poucos «aos de sempre» e xa non se van dar máis.

No caso dos manteiros, poderase poñer como desculpa a competencia co comercio, a falta de espacio, a ilegalidade das mercancías, etcétera. É un tema a discutir. Pero os artistas non cobran, dánse de forma gratuita. O que non quere dicir que non acepten o que de maneira voluntaria queiran ofrecerlles. Lugo debería estarlles agradecido por iso. O mesmo alcalde dixo uns días antes das festas que tamén axudan a animar a festa coa súa presencia.

Pero o trato non foi bon. Un exemplo: a unha artista, habitual nestes últimos anos no San Froilán, profesora de danza que escolleu agasallar á xente nas rúas coa súa arte, foille impedida a actividade en varias ocasións, mesmo chegou a Policía Local a solicitar un extintor para apagar o lume do pau que utiliza con mestría nas súas fermosas danzas. Cousa que non foi necesaria pois ela mesma o apagou ante tal requerimento. Pero sería unha imaxe moi expresiva: un extintor apagando a arte.

A situación era do máis hipócrita, xa que esta escena na Praza Maior, estaba arrodeada de mantas cheas de bolsos que alí permaneceron sen obxeción algunha.

A mesma artista, na feira medieval foi interrompida á brava por un membro da organización que lle apagou a música e arrebatoulle por un momento parte do atrezzo da sua coreografía (momento que recolle a fotografía superior). Medieval, moi medieval. Como a máis pura Inquisición.

Estes espectáculos da rúa, se se ofrecesen no auditorio, moitos pagarían gostosos unha entrada por velos ou escoitalos. Pero valorámolo todo en euros. Parece que a tendencia das festas é contratar empresas que ofrecen espectáculos prefabricados, e aplastar todo o que soa a iniciativa individual. Como a vida mesma.