«É mellor non compralos porque medran, dan olor, poden ser perigosos para a fauna autóctona e viven ata 40 anos»

La Voz

LUGO

Xa de neno, á casa de Eduardo Rodríguez Gutiérrez teñen chegado raposiños abandonados que el criaba con todo o cariño cunha mamadeira de leite, e que ao medrar un pouco liscaban. Co paso do anos, a paixón polos animais exóticos deste lucense «da xeneración de cachorros de Félix Rodríguez de la Fuente» foi a máis e hai un que creou, xunto con dous amigos, a Protectora de Animais Exóticos de Galicia.

-¿Cal é a misión actual do colectivo?

-Estamos en conversacións coa Xunta e co Concello de Lugo para ver se nos ofrecen un espazo no que poidamos enseñar distintas especies de animais exóticos e coidar daqueles animais que aparecen abandonados ou que nos envían. Están mirando de ofrecernos un oco nas Gándaras, aínda que ao principio nós queríamos algo céntrico, un local como o que había no parque Rosalía, para que puidera ir a xente con máis facilidade.

-¿Por que non se deben regalar reptís nin especies exóticas?

-O mellor é non compralos xa, porque medran, dan olor, poden ser perigosos mesmo cos donos, e moitos son invasores para as especies autóctonas. Ademais, teñen unha lonxevidade moi grande, e viven ata 30 ou 40 anos. Para telos mal coidados, é mellor non telos, e moito menos abandonalos.

-¿Están de moda este tipo de animais?

-Hai moitísima xente que ten iguanas, furóns, mapaches, visóns, tartarugas exóticas, e ata pitóns ou coatís. Os problemas aparecen cando ven que medran, molestan e queren desfacerse delas. Moitos destes animais parecen inofensivos e realmente son unha ameaza para os escosistemas e os animais autóctonos. Moitas destas especies introducidas son portadoras de fungos que danan outros animais.