A Serra do Iribio abre o novo programa de roteiros de Adega

La Voz

LUGO

22 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa celebración do Xacobeo 2010 ás portas, Adega Lugo decidiu dedicar o seu novo programa de roteiros aos Camiños a Santiago, particularmente ao Camiño Primitivo, a primeira das rutas a Compostela e a máis vencellada con Lugo. Así pois, a maioría dos roteiros da vindeira tempada transcorrerán por tramos do Camiño Primitivo. Non obstante, como sinalou Adela Figueroa, presidenta de Adega, na presentación do programa, neste introduciron un par de variantes, que lles permitirán aos camiñantes, por unha parte, desviarse en certa maneira dos tramos principais para descubrir os arredores do Camiño, e por outra, culminar esta viaxe en Fisterra, na procura do sol.

Coma en anos anteriores, estes roteiros terán unha periodicidade mensual, elixindo para cada mes un tramo do Camiño Primitivo. Para empezar, este vindeiro domingo, día 25, terá lugar a primeira das rutas, que será pola Serra do Iribio, partindo de Biduedo, no concello de Triacastela, e rematando en Aira-Padrón, no municipio de Samos. Os trece quilómetros e medio de percorrido transcorrerán na súa maior parte polo trazado orixinal do Camiño Real, agás naqueles treitos que están destruídos ou intransitables.

Para este roteiro, Adega Lugo conta coa colaboración da Asociación Sociocultural do Iribio, un colectivo que reivindica o legado histórico e patrimonial desta serra. O presidente desta asociación, Marcos Celeiro, estivo onte na presentación do roteiro e lembrou que teñen solicitado a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o camiño medieval da Serra do Iribio, un camiño no que na Idade Media había que pagar peaxe para pasar por el e que aínda mantén tramos coa calzada romana orixinal. Outro dos atractivos deste roteiro é que transcorre por territorio da Rede Natura e conta cunha vexetación inigualable e con montes practicamente virxes, que só son empregados polos cazadores.

Tanto para este como para os vindeiros roteiros hai que anotarse no teléfono de Adega Lugo 982 240 299, ou no 679 113 718 (Mariluz). As cotas para os participantes oscilan entre os cinco e os quince euros e a saída da capital lucense será ás nove da mañá de diante da Escola de Maxisterio.