«Hoxe Lois Pereiro debería ser todo un icono»

LUGO

Para o tradutor do poeta monfortino, verter a súa obra ao castelán foi unha grande experiencia, pero nada fácil

27 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor e profesor coruñés Miguel Anxo Mato Fondo, autor dunha extensa obra literaria, é o responsable da primeira antoloxía traducida ao castelán do poeta monfortino Lois Pereiro, que será publicada en breve pola editorial Espiral Maior. Mato Fondo foi amigo persoal e compañeiro de xeración literaria de Pereiro, do que fala con visible emoción.

-¿En que medida inflúe a obra de Pereiro nos poetas galegos máis novos?

-A poesía de Pereiro está relacionada cunha estética moderna e avanzada e debería exercer un influxo importante non só nos xoves poetas, senón tamén noutras áreas artísticas, como a música ou as artes plásticas. Hoxe Lois Pereiro debería ser todo un icono, pero creo que en Galicia temos fallos serios no diálogo e a transmisión cultural entre as diferentes xerazóns e as diferentes áreas artísticas, e por iso teño as miñas dúbidas sobre a influencia que ten realmente a súa obra. O normal sería que os novos escritores e artistas galegos incorporasen influencias tan importantes como a de Lois Pereiro ou a do pintor Urbano Lugrís, por exemplo.

-¿Que papel ocupa nas letras galegas, na súa opinión?

-Unha opción importantísima que desgrazadamente se truncou e non deu todo o que podía dar. Recórdame moito a Manuel Antonio, outro poeta moi avanzado para o seu tempo que desapareceu moi novo. Non sabemos a onde terían chegado se vivisen máis tempo.

-¿Que supuxo para vostede traducir a súa poesía?

-Unha experiencia importante que, persoalmente, agradecín moito. Traducir poesía sempre é unha experiencia importante, e moito máis aínda se é a poesía de alguén como Pereiro, que foi amigo meu -aínda que non cheguei a ter con el un trato tan estreito como o que tivo Manuel Rivas- e con quen compartín aquela experiencia fantástica que foi o grupo De amor e desamor . Ademais, a poesía de Pereiro é unha arte difícil, pola estética á que está afiliado. A súa obra está moi relacionada coa poesía e a literatura centroeuropea e doutras áreas culturais, porque tiña unha cultura literaria inmensa. Traducir os seus poemas non foi nada doado, pero fíxeno cunha grande devoción.

-¿En que medida é coñecido fóra de Galicia?

-Cando viviu en Madrid tivo sempre relacións puntuais con xente do mundo da literatura e da música, xente moi especial que se movía en círculos pequenos. Fóra dese ámbito, non creo que sexa demasiado coñecido. De todos os xeitos, o coñecemento da literatura galega en Madrid, Barcelona e outros lugares é maior do que pensamos, sempre dentro de certos círculos. A poesía galega actual é bastante valorada fóra de Galicia e espero que esta edición bilingüe axude que a poesía de Pereiro sexa moito máis coñecida desde agora.