«En Monforte non houbo barrio xudeo, nin no resto de Galicia»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O coñecido medievalista coordina un curso da Uned sobre as xuderías galegas que se impartirá a semana próxima

22 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O historiador Anselmo López Carreira coordina o curso sobre as xuderías galegas que a Universidad Nacional de Educación a Distancia impartirá a semana próxima en Monforte e Ribadavia. López Carreira pronunciará o venres unha das conferencias na primeira destas localidades, dedicada á historia das xuderías galegas.

-¿Que importancia tivo a xudería de Monforte en relación con outras xuderías galegas?

-En primeiro lugar hai que puntualizar que a maior parte do que sabemos sobre as comunidades xudías galegas data da baixa Idade Media, sobre todo do século XV. Dos períodos anteriores case non hai ningunha información. E nesa época, polo que se sabe, a xudería de Monforte era unha comunidade bastante reducida, pero iso sucedeu tamén coas demais xuderías de Galicia. A que coñecemos mellor é a de Ourense e non pasaba dunhas cantas familias.

-¿Pode falarse da existencia de barrios xudeos?

-Non, en Galicia non houbo barrios separados habitados exclusivamente por xudeos. Cando moito, nalgún caso puido haber algunha rúa onde se concentrasen varias familias xudías, pero eran sempre unha minoría ao lado dos seus veciños cristiáns. En Ribadavia ás veces chámaselle «barrio xudeo» ao núcleo histórico da vila, pero iso é unha esaxeración. Non houbo un barrio xudeo nin alí nin en Monforte nin no resto de Galicia.

-¿Hai algún dato histórico que indique a existencia dunha sinagoga en Monforte?

-De momento non se coñece ningún documento que fale dunha sinagoga monfortina. Sábese que existiron noutros lugares, como Allariz ou Ribadavia. En Monforte é posible que tamén a houbese, pero nada permite afirmalo.

-¿Os supostos antigos baños que hai na rúa da Falagueira teñen relación coa comunidade hebrea local?

-Sobre iso non se pode dicir moito, nin en contra nin a favor. En moitas poboacións había baños públicos sen que iso tivese nada que ver coa presenza de xudeos ou musulmáns. Se non hai documentos históricos que o indiquen de forma expresa, non se pode relacionar sen máis a existencia duns antigos baños coa presenza xudía.

-¿Que posición ocupaban os xudeos na sociedade medieval galega?

-Había de todo. Algúns eran xente moi acomodada e outros eran humildes e mesmo pobres. Algúns traballaban de zapateiros ou noutros oficios modestos, e outros negociaban con viño ou en actividades bancarias e eran moi ricos. En conxunto, eran unha camada acomodada e sempre de carácter urbano. Nas aldeas non había xudeos porque estaban tradicionalmente apartados dos labores agrícolas e só vivían en núcleos urbanos de certa entidade, como era o caso de Monforte. Un mito que convén romper é o de que eran unha minoría marxinada. Na Idade Media, os xudeos eran un grupo integrado na sociedade galega. Vivían baixo unha lei diferente da dos cristiáns, pero estaban aceptados e non temos constancia de que houbese persecución relixiosa contra eles nesa época. Eses problemas viñeron despois, xa a finais do período medieval.

-¿Quedaron moitos xudeos despois do decreto de expulsión de 1492?

-É moi difícil sabelo, porque antes desa época xa houbo un proceso importante de conversión ao cristianismo e cando chegou a expulsión eran moi poucas as familias que seguían praticando a relixión xudía. O máis probable é que a maioría dos que había en Galicia seguisen vivindo aquí despois da expulsión. Polos apelidos é imposible saber quen é de orixe xudía e quen non, porque usaban os mesmos que os cristiáns.

anselmo lópez carreira historiador