Medio Rural non cre necesario actuar contra a praga de «altica»

LEMOS

A Consellería de Medio Rural considerable pouco probable que se emprenda algunha actuación contra a praga de Altica quercetorum que afecta ás carballeiras de diversas zonas do municipio de Sober e doutras áreas do sur lucense. Segundo indican fontes deste departamento, os técnicos opinan que a incidencia desta praga non é preocupante polo momento e que o máis aconsellable é deixala pasar. «Os ataques do insecto non están debilitando os carballos e non van provocar a súa morte, aínda que poden ter un efecto visual importante, e os insectos morrerán no inverno», explican. «Se o inverno vén frío, iso seguramente servirá de barreira para o próximo ano, pero se a praga se repite estudaranse as medidades necesarias», engaden.

Non obstante, a consellería puntualiza que podería actuar localmente para atacar a praga en determinadas fincas da comarca se así o solicitasen os seus propietarios. «Se se tratase dunha praga moi estendida, que actuase dun xeito uniforme sobre unha zona moi grande, poderíanse realizar tratamentos biolóxicos con avionetas, pero neste caso a praga está localizada en determinadas carballeiras ou árboles ailladas dos municipios de Sober, Pantón e o Saviñao, e habería que ir aplicando o tratamento planta por planta, ademais de pedir a autorización aos propietarios de cada unha das zonas afectadas», explican os representantes de Medio Rural.

Os técnicos forestais da Xunta, porén, cren que os efectos desta praga «consistirán praticamente en adiantar a caída da folla» e que polo momento bastará con deixar que os insectos completen o seu ciclo biolóxico e desaparezan coa chegada dos fríos.

Petición do Concello

Medio Rural respondeu así á petición que o goberno municipal de Sober dirixiu o pasado mércores a esta consellería e á de Medio Ambiente, solicitando que se analizase o alcance da praga e que, en caso necesario, se tomasen medidas para a súa erradicación.

A petición do Concello soberino, técnicos forestais da Xunta xa visitaran recentemente un carballo situado na localidade de Vilaescura, considerado de especial valor polo seu tamaño e antigüidade, que tamén está sendo afectado pola praga.