Os sete grandes concellos, coa excepción de Santiago, están por debaixo da media no uso da lingua

La Voz

LUGO CIUDAD

16 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os sete grandes concellos, que suman algo máis dun terzo da poboación de Galicia, están por debaixo da media no emprego habitual do galego. Na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo as porcentaxes dos que empregan máis castelán ca galego ou castelán só son maioría. A excepción é Santiago, onde os galegofalantes suman algo máis do 52% da cidadanía. No lugar contrario sitúanse Ferrol, cun 81% que optan polo castelán -o 43% fálano habitualmente e o 38,4% emprégano con máis frecuencia que o galego-, porcentaxe que seguen de preto Vigo (74%) e A Coruña (72%). En Vigo atópase un 12,9% de persoas que din que non entenden nada o galego. Por tanto, o territorio das grandes urbes segue a ser lugar de expresión maioritaria castelá.

No conxunto da comunidade, o 49% dos galegos fálanlle sempre en galego aos fillos, un dato que hai que relacionar co feito de que é a familia unha das principais vías de aprendizaxe da lingua, xunto coa escola no caso do tramo de idade de entre 5 e 29 anos. O 29% dos galegos, 20 puntos porcentuais menos, falan cos seus fillos sempre en castelán, un dato que reforza a preferencia do galego no ámbito doméstico.

Interlocutores

De feito, a enquisa do IGE tamén consultou sobre os hábitos lingüísticos dos galegos en función dos seus interlocutores. O galego é a lingua máis empregada cos amigos (55%) e no comercio (52%). A porcentaxe baixa lixeiramente con respecto ao trato con persoal da Administración (51%) e da banca (50%), pero descende cando se trata de relacionarse con médicos (48%) ou cos profesores dos fillos (43%).

Algo semellante ocorre no ámbito laboral: nas relacións horizontais o galego ten un lixeiro predominio (52%) que se modifica nas verticais: o 52% prefiren o castelán nas comunicacións co persoal ao seu cargo, porcentaxe que sube ao 55% cando se trata de falar cun superior. Na relación cos clientes existe un certo equilibrio, xa que o castelán é empregado polo 52% neste tipo de conversas.