«Recoñecemos que o galego é o noso sinal de identidade, pero o que non queremos é un país monolingüe»
GALICIA
Vázquez rexeita comentar as apreciacións do Valedor sobre o galego e a intransixencia das partes, e advirte que a sociedade pide a berros que se chegue a un «punto de encontro».
-Teñen director de Política Lingüística. ¿Están a un chanzo de pechar o asunto da lingua?
-Si, xa temos director e estou encantado. É un experto, e traballador, e estamos tratando a consulta aos pais, pero é un proceso moi lento. Son 1.500 centros, dos que chegaron unha, dúas e ata tres bolsas con sobres.
-¿Como de lento?
-Queremos ter o decreto para Nadal. A nosa intención é facer o borrador e tentar falar de novo con todos os organismos, asociacións e grupos políticos.
-Falaron coa Academia Galega...
-Dixémoslles que hai que promocionar o galego fóra de imposicións. As nosas intencións son claras a favor da súa defensa. A Academia coñecerá o borrador antes de aprobalo.
-¿Pedíronlle algo concreto os académicos?
-Non, que se defenda o galego, e que a actitude do Goberno sexa a favor, pero son respectuosos coa nosa intención, que entenderon clara en defensa e promoción do galego.
-¿Que lle transmite o director de Política Lingüística?
-Nós temos hoxe a mesma postura que hai tres meses. Falamos de promoción activa do galego, pero tamén de liberdade lingüística, igual que se demanda noutras comunidades históricas, como o País Vasco, onde non é o PP quen goberna. Hai que facer política activa na empresa, na xustiza, na sanidade e na rúa. Que a xente o fale porque quere.
-¿Que lles achega Lorenzo?
-Ten recoñecemento e dá fortaleza e seguridade. Levou algunha proposta innovadora e é un gusto falar con el.
-Se non é vinculante a consulta, ¿para que serve?
-A opinión dos pais vai ser tida en conta, pero temos que atender tamén a cuestións pedagóxicas e económicas.
-¿Van garantir a competencia lingüística en galego?
-Traballaremos para que os alumnos teñan as mesmas competencias nunha lingua e noutra. Ás veces cometemos erros cos tempos verbais e hai que mellorar. O que non queremos é un país monolingüe.
-¿A obriga da consellería non é facer do galego unha imaxe de marca?
-Recoñecemos que o galego é o noso sinal de identidade, pero a xente percibiu que había imposición.