«Non é tarde para que o Xacobeo contrate a grandes artistas»

GALICIA

O responsable dos actos do 2010 admite que a austeridade será un estímulo para unha programación que apostará por eventos «únicos» en lugares «distintivos»

30 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Austeridade, proxección exterior a través da diferenciación, diálogo entre culturas local e internacional e un respecto polo trazado físico do Camiño e a súa esencia. Son os catro conceptos que resumen as liñas de traballo de Ignacio Santos Cidrás (Bueu, 1970) como xerente da sociedade pública de xestión do Xacobeo para o 2010. Santos e o seu equipo teñen por diante seis meses para planificar unha programación con actividades específicas para todo tipo de público.

-¿É certo que herdaron un retraso nos preparativos?

-Principalmente, co que me atopei é que as actividades e a promoción que se viñan desenvolvendo estaban moi centradas en Galicia. O gran reto agora é iniciar e desenvolver a promoción exterior, tanto nacional como internacional. Xa puxemos en marcha proxectos como levar a exposición Un camiño, diferentes miradas á Feira do Libro de Madrid. Non estamos destruíndo o que se estaba facendo coa anterior xerencia da empresa, senón que estamos mantendo os proxectos que consideramos axeitados e reconducimos aqueles que non nolo parecían tanto, partindo da base de que o noso obxectivo é a promoción non só en Galicia, senón tamén no exterior.

-¿Cales son eses proxectos que están a reconducir?

-O proxecto Vai de Camiño. O que fixemos é reconducilo totalmente no contexto de austeridade, equilibrando os investimentos que o Xacobeo fai nos diferentes concellos, tendo en conta o número de habitantes. Ou sexa, eliminando calquera condicionante político á hora de facer investimentos en concellos levándolles programación e fixándonos só no seu tamaño.

-A austeridade non adoita ser unha boa nova para un xestor, pero obrigaraos a afinar os seus recursos.

-É que a austeridade estimula a imaxinación e a creatividade. Ás veces é un reto, non ten por que ser un impedimento. Non é cuestión de facer grandes investimentos para conseguir cousas interesantes e que acheguen algo a nivel cultural e social. Non se trata só de diñeiro.

-¿Como van intensificar a captación de patrocinios?

-Hai que aclarar que non se necesita a publicación dun real decreto, senón que as exencións fiscais para o Xacobeo 2010 xa se recolleron na Ley de Presupuestos Generales del Estado para o 2009. Estamos poñendo en marcha o concurso para a captación, que imos facer cunha fórmula mixta. Outros anos déuselle a exclusividade a unha empresa, este ano non. Captaremos directamente algúns patrocinios e traballaremos con outras empresas que nos acheguen financiamento a través do patrocinio.

-¿Que diferenciará ao Xacobeo dos demais festivais?

-O Xacobeo é moito máis que grandes concertos, aínda que os haberá. Quero tranquilizar á xente: non é tarde para a contratación de grandes artistas. Temos tempo, porque as xiras dos grandes artistas internacionais empezan a configurarse en setembro, e xa estamos en contacto con axentes e promotores. Non estamos improvisando. Queremos facer eventos especiais, eventos únicos en espazos representativos e distintivos do noso patrimonio. O interesante é diferenciarnos, ese é o xeito de conseguir repercusión. Non queremos concentrar os investimentos en acontecementos efémeros, en concertos dunha noite da que logo non queda nada. Apostamos pola perdurabilidade do que fagamos.