Cando a ambicion de mellorar só deixa como opción a fase

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

LALÍN

O BM Lalín ten pendente progresar no arranque defensivo e na concentración

20 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A ambición por mellorar e superarse debe ser inherente a calquera deportista que se considere tal, sexa de Primeira División, ou de Terceira Autonómica. E esa paixón por dar un paso máis, por seguir evolucionando e sumando éxitos, parece non ser allea á plantilla do Embutidos Lalinense Balonmán Lalín. A pesar de que aínda está recente a derrota ante o Porriño, a sensación que está a reinar na plantilla dende que comezou a pretempada é a de dar un paso máis aló. Así o recoñece o propio adestrador dos lalinenses, Alberto Miguélez, que palpa día a día no vestiario as ganas dos xogadores por mellorar o feito a pasada tempada. «Hai ambición», afirma sen dúbidas o adestrador. E esa ambición só leva a un camiño: a fase de ascenso.

O BM Lalín rematou a Liga 2009/2010 como o equipo revelación, e ocupando a terceira praza da clasificación por detrás de Novás e Chapela. Non hai que botar moitas contas para ver que a única marxe de mellora, no tocante a clasificación, levaría ao primeiro ou segundo posto da Liga, é dicir, a xogar a fase de ascenso. «Probablemente a idea de xogar a fase de ascenso si ronda polas cabezas, pero sobre todo, está a ganas de mellorar do grupo; os reforzos que tivemos implican máis carga, que non presión, nese sentido», estima Miguélez.

Recoñézase ou non, e a sabendas de que aínda quedan 21 xornadas de Liga, o certo é que por máis dunha cabeza xa ten pasado a idea de que xogar unha fase de ascenso no novo Lalín Arena sería un colofón inigualable á tempada.

O camiño a seguir

Ser un dos dous mellores equipos esixirá que o Embutidos Lalinense ofreza o mellor de si en cada partido, loitando cada xogada e pelexando por cada balón. Hai marxe de mellora, e deberes que facer. «Temos que lograr meternos mellor nos partidos en defensa; estamos a ter problemas nos inicios e aínda que en defensa en xeral imos a máis, os comezos resúltanos sempre fríos» recoñece o adestrador do BM Lalín.

No aspecto ofensivo, «temos un problema, que é que non acabamos de atopar a fórmula para xogar todos conxuntados; fáltanos algo de velocidade na circulación de balón e que o xogo se inicie sempre en carreira», estima o responsable do banquillo, que entende que nas accións de contraataque o cadro dezano xa incrementou a súa efectividade.

En calquera caso, se de prioridades se trata, a cuestión máis urxente a solventar é que o equipo logre manter a concentración durante os 60 minutos, xa que «se se consegue, o xogo vén rodado», subliña un Alberto Miguélez para o que a derrota co Porriño foi unha paréntese que toca esquecer.