«Os veciños de Zobra teñen o idioma na súa maior riqueza»

Amelia Ferreiroa LALÍN |

DEZA

Antes de comezar a transcribir unhas recollidas feitas nesa parroquia lalinense, estivo na Casa de América en Madrid

21 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Casa de América é un consorcio creado no ano 1990, que está integrado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Comunidad de Madrid e Concello, cuxo obxectivo é xerar un foro de ideas e debatir sobre política, economía, ciencia... O pasado 10 de xullo o contacontos lalinense Celso Fernández fixo unha contada sobre a emigración, en dito marco.

-Unha das actividades que fan na Casa de América é levar contadores de toda Latinoamérica. Eu son galego e tiña difícil encaixe dentro desa actividade pero acudín apadriñado por Carolina Rueda, unha colombiana que coñecín en Granada. Propuxénlles falar da emigración, gustou o tema e alí estiven.

-Unha contada que titulou «Galicia de ida y vuelta», ¿que se recolle na mesma?

-A base son historias que eu fun recollendo ao longo dos anos sobre a emigración. Era unha contada para nenos a partir dos catro anos aínda que eu tiña menos anos e xa escoitaba historias... Con elas me criei e non me fixeron mal ningún... Á contada da Casa de América asistiron sobre todo persoas adultas e penso que lles agradou.

-¿Como se atesouran todas esas historias e non se esquencen malio ao decorrer do tempo?

-Recordar non é só memorizar. É lembrar as cousas que teñen sentido e que están impregnadas de emoción.

-E, cabe a posibilidade de que esas recollidas se plasmen nun libro...

-A recollida da tradición oral ten a importancia da voz, da persoa que contou a historia. No libro non está a voz polo que se perde unha parte fundamental da vivenza.

-¿A cando se remonta a súa primeira recollida e onde a levou a cabo?

-Levo recollendo historias inconscientemente toda a vida e conscientemente dende fai moitos anos. Para as recollidas a parroquia de Zobra é fundamental. Alí empecei a facelo durante a carreira e lémbrome de Hortensia, que foi a primeira veciña que me contou antigos contos. É unha parroquia onde teñen o costume de contar e os veciños teñen o vocabulario e o idioma na súa maior riqueza. Recollo moito en Zobra pero tamén o fago alí onde caio e logo os contos remánganse uns nos outros.

-Primavera e verán de moita actividade para o contacontos lalinense pero, ¿que será agora o máis inmediato?

-Teño pensado comezar a transcribir cousas que recollín precisamente en Zobra o ano pasado. É unha cuestión moi laboriosa, polo menos para mín, xa que un minuto de grabación lévale vinte minutos de transcrición.