Teixeira cre que a defensa marcará o Chapela- BM Lalín

L.G.C.

DEZA

11 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Lalín porá mañá punto e final á súa semana maratoniana, e de paso tamén á primeira volta da Liga, visitando ao líder, o Chapela. O equipo que adestra Fran Teixeira agarda aos roxinegros coa intención de sumar dous puntos ao seu título de inverno, e esquecer de paso o empate do martes en Redondela.

A evolución de xogo e resultados que experimento o BM Lalín dende o inicio da Liga tense en conta nas filas do Chapela. «Sabemos que vai ser un partido difícil porque o Lalín mellorou moito nas últimas xornadas e vén de gañarlle ao Base Oviedo», lembraba o veterano preparador do Canario Cátering. Teixeira considera que o BM Lalín é un dos equipos que «loita por estar nos primeiros postos, e vese que tan só o temos a catro puntos».

O Chapela que agarda aos dezanos é o mesmo equipo que acadou o título a tempada pasada. A única ausencia que se prevé nas filas de Teixeira é a de Iulian Decu, ao que unha lesión apartou do equipo dende a pretempada, e ao que o técnico agarda recuperar para a segunda volta.

A chave do partido

A ollos de Teixeira, o partido de mañá contra o Lalín será de máxima esixencia. «Son dous equipos que corren moito e que corren moi ben ao contraataque, polo que o traballo das defensas vai ser vital. O equipo que defenda ben terá moitas posibilidades», opina o adestrador.

Os tres partidos que os equipos de Primeira A teñen que afrontar nunha semana podería pasarlle factura a ambas plantillas, sinalou Fran Teixeira. «O traballo físico vai ser grande, porque vimos de xogar dous partidos, e na categoría non estamos acostumados a calendario de competición europea», manifestou.

No que afecta á competición, Teixeira coincide na idea de que «a Liga está moi igualada. Nós o ano pasado fomos campións con catro derrotas, e agora xa temos dous partidos perdidos e un empate», lembrou. «Apareceu o Base Oviedo, o OAR, están coma sempre Novás e Lalín, e o Xiria non perdeu nas últimas seis xornadas, e tamén está aí». Respecto do empate a 33 coa SAR, Teixeira explicou que «foi un partido de moita rivalidade, nós xogamos ben, pero tamén se notou que non tivemos a Kustov».