Todas as butacas ocupadas e unha manchea de xente en pé. Non actuaban nen Yllana nen Christina Rosenvinge, pero o teatro Principal da Estrada enchouse ata a bandeira. Estrano. Hoxe en día, as estreas de libros non adoitan ter tantos fans. Pero o que se presentaba onte non era un libro calquera. Era «o libro» da Estrada: A Estrada rural , do humanista Manuel Reimóndez Portela. A obra fora publicada por primeira vez no 1990, despois de quince anos de infatigable traballo do doutor de Castro. Esgotárase deseguido. Onte, veu a luz a reedición, corrixida e aumentada por Valentín García, que invertiu tres anos en poñer ó día a enciclopédica obra de Reimóndez Portela.
A segunda edición, da que se publicaron 5.000 exemplares, conserva a planimetría a man alzada de Manuel Reimóndez -documento único da microtoponimia que se está a perder- e engade tamén novos planos dixitais que por primeira vez aportan os deslindes das aldeas de cada parroquia. Inclúe ademáis unha estatística da evolución demográfica en cada parroquia desde 1981 ata o 2003. As novas aportacións engádense en letra cursiva e aportan información sobre novas estradas, cambios de situación de monumentos, constitución de novas asociacións, evolución da economía local ou introducción de fenómenos novos coma o turismo rural ou as novas tecnoloxías. O volume, editado pola Deputación de Pontevedra, engade referencias bibliográficas e ligazóns a Internet e fotos do fillo do autor, Luis Reimóndez, que onte amosou o seu agradecemento pola reedición do que considera «o libro dos estradenses». Non é o único. Valentín García tamén se referiu ó libro como «unha obra aberta para seguir traballando» e o alcalde, Xosé Antonio Dono, definiuna como «o máis fermoso escaparate da riqueza da Estrada» antes de marcar o reto dunha próxima edición en Internet.
O acto pechouse coa entrega dun ramo á viúva de Reimóndez, Victoria Fernández, e a lectura dunhas emotivas palabras de recordo para o humanista do escritor Neira Vilas, amigo persoal que non puido asistir.