Kiko Dasilva ilustra un conto sobre Compostela escrito por Paco López-Barxas

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

21 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Consorcio de Santiago e a editorial Kalandraka presentaron o primeiro álbum ilustrado dunha colección de contos para nenos con Compostela e a súa historia como tema central. O libro, Sar, Sarela e os monstros de Compostela, está escrito polo xornalista Paco López-Barxas e ilustrado polo debuxante e autor de banda deseñada Kiko Dasilva.

Este conto abre a serie de historias que van ter de protagonistas en cada entrega a Sar e Sarela, dous gatos que toman o nome dos dous ríos que cruzan a capital galega.

A aventura dos dous personaxes neste primeiro conto está centrada nas gárgolas, os elementos arquitectónicos cos que se canalizaba a auga da choiva dos tellados. Por iso o percorrido dos gatos transcorre polo centro histórico compostelán e nel descobren uns seres de pedra con aspecto terrible que non son outra cousa que as gárgolas que atopan no seu andar polos tellados dos edificios máis senlleiros da praza da Quintana, San Paio de Antealtares, a igrexa de San Martiño Pinario ou o Hostal dos Reis Católicos. As ilustracións, que teñen unha gran forza polas cores, ofrecen unha visión da paisaxe compostelá na que o tópico da choiva aseméllase a Venecia.