«Os mortos van ás présas» estará na Semana de Cine de Valladolid

La Voz

CULTURA

06 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os mortos van ás présas,

a nova película de Ángel de la Cruz, foi convidada a participar na próxima edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid que a partir do 24 de outubro e ata o 1 de novembro vai celebrar a súa 53.ª edición. A longametraxe do cineasta galego, que se coñecerá publicamente neste certame, entrará en competición na sección Punto de encuentro, mostra paralela á oficial que reúne aqueles filmes de ficción que desde o punto de vista da organización merecen especial consideración pola súa valía temática ou estilística.

Concibida como complemento do panorama do cine de ficción ofrecido polo festival, a sección ten carácter competitivo cun premio de 15.000 euros para a longametraxe que resulte gañadora nas votacións do público.

Ángel de la Cruz, que é ademais o guionista e produtor da cinta, dirixiu na localidade de Rinlo, en Ribadeo, a un equipo de actores no que, agás Neus Asensi, todos son galegos, figurando con ela nos papeis principais Chete Lera, Manuel Manquiña, Belén Constenla, María Castro e Sergio Bermúdez.

Moito humor

O argumento desenvolve, con moito humor, a historia de Irene, unha camioneira dunha empresa de transporte de pescado e marisco á que na pequena vila mariñeira de Fariño do Mar quédalle atoado o seu camión, impedindo o paso cara o cemiterio do enterro do pai do patrón maior da confraría. O cadaleito volve á casa para un velorio por tempo indefinido que da pé ás máis chuscas situacións.

Despois das vicisitudes que marcaron a suspensión da rodaxe a finais do 2006 da man de Dygra, Ángel de la Cruz (gañador de dous Goya polos seus traballos de animación), prepárase agora para someterse á valoración do público cunha produción de personaxes reais na que participaron Voz Audiovisual xunto con Artemática, Semprecinema Producións e Perro Verde Films, entre outros.

Ángel de la Cruz deuse a coñecer como guionista e director coa longametraxe de animación O bosque animado (2001), adaptación da obra homónima de Wenceslao Fernández Flórez, á que seguiu a produción hispano-lusa de animación O soño dunha noite de San Xoán (2005), libremente inspirada en O soño dunha noite de verán de William Shakespeare.