¿Quen dixo mercado?

Camilo Franco

CULTURA

07 ene 2008 . Actualizado a las 22:05 h.

Non é por insistir. Pero alguén falou dos problemas do mercado para a cultura. O único problema é non existir.

O mantel de Nadal. Nalgunhas casas desconsideradas, a única diferenza entre o Nadal e o resto do ano é que hai un mantel na mesa. É a demostración de que se consume doutro xeito. As festas acaban hoxe e non sei se para ben. Para quen fala do malo que é o mercado para a cultura galega debe de ser tranquilizador. O Nadal é a sublimación do consumo con desculpa. Pois na máxima festa de intercambio económico, das boas intencións consumidoras, a cultura galega está desaparecida. Os optimistas pensarán que estamos libres dun mal contemporáneo. Pero confiarse é renunciar. Igual non é tanto un síntoma de que non existimos como de que existimos mal.

Cantan os cinco mil. Creo que foi Ramiro Fonte, tan metido na introspección retrospectiva, quen asegurou que se a cultura galega tivese 5.000 usuarios censados non habería problema. É un cálculo moi propio das rebaixas de xaneiro. Non sei se a reclamación ten que ver cunha certa saudade por unha burguesía que nunca chegou a existir. Pero se calculamos a todos os gremios culturais, narradores, poetas, ensaístas, filósofos, pintores, escultores, dramaturgos, guionistas, actores, directores, músicos, editores, tradutores, correctores de probas, comisarios de exposicións, todos os implicados no audiovisual, os autores de cómic, os que fan de todo pero non teñen disciplina, os gañadores de premios, os historiadores, os filólogos, os lingüistas, os investigadores e todas as súas correspondencias femininas que non poño por non estenderme (non inclúo aos profesores de galego), pero aínda así teñen que sumar máis de cinco mil. ¿A que dedican o tempo libre?

Bos desexos. Apelidarse Franco e ter bos desexos é case imposible. Pero, con todo, hai que facer un exercicio de posibilismo. Espero que todos os que falan da futura biblioteca de Santiago, todos os que agora consideran que teñen algo que dicir sobre ela, sexan algún día usuarios da mesma. Non se trata de que vaian á inauguración, senón de que entren, se fagan socios, pidan un libro e o lean para que vexan cal é o país que se move por baixo da polémica.