«Nas grandes revistas de moda cada vez hai máis reportaxes dedicadas aos talles especiais», di Iria Llorca, modelo ferrolá de talles especiais.
07 oct 2011 . Actualizado a las 20:10 h.As medidas de Iria Llorca Loureiro non encaixan cos canons de beleza que imperan hoxe en día. 96 de peito, 74 de cintura e 108 de cadeira. Nada que ver coas figuras esqueléticas que pululan polas pasarelas. Sen embargo, o destino quixo que o mundo da moda reparase nesta moza ferrolá, estudante de Xestión Cultural na Autónoma de Barcelona, e dende hai xa tres anos, Iria non para de traballar como modelo de talles especiais.
-¿Como chegou ao mundo da moda?
-Foi no verán do 2008. Eu xamais pensara en dedicarme a isto, pero un día, mentres paseaba polas rúas de Barcelona, achegóuseme un fotógrafo chamado Frances Vilallonga e ofreceume facer unha reportaxe de talles especiais para a revista Patrones. Aceptei a proposta pola curiosidade de vivir esa experiencia, tan allea a min, e sobre todo porque me pareceu interesante descubrir que había un tipo de moda diferente á que vemos nas pasarelas.
-E dende aquela non deixou de traballar...
-Fixen varias reportaxes para a revista Patrones e, pouco despois, unha editorial para o dominical de La Vanguardia, pero a miña intención non era dedicarme a isto. Sen embargo, una axencia de modelos púxose en contacto comigo e propúxome firmar un contrato por dous anos. Dende aquela ata hoxe, complemento os meus estudos na Universidade Autónoma de Barcelona con todos os traballos de modelo que me van xurdindo.
-¿A muller con curvas está de novo de moda?
-Eu penso que hai vida máis alá do 90-60-90 e, polo que teño visto, parece que nas grandes revistas de moda cada vez hai máis reportaxes dedicadas aos talles especiais. Ademais, fóra dos grandes medios de comunicación e das grandes marcas de moda, existe un enorme mercado de talles especiais, aínda moi descoñecido para a maioría da xente.
-¿Pensa que vostede pode ser un exemplo para que as rapazas non se obsesionen tanto coa delgadeza?
-Cando entrei en contacto co mundo da moda, ese era un dos meus obxectivos, pero, agora, coa experiencia, non estou tan segura de ter contribuído a iso.
-¿Por que di iso?
-Por un lado, porque vexo que na maioría dos casos, aínda que hai excepcións, facer de modelo de talles especiais significa facer de modelo para roupa de señora, de 50 anos para arriba. E por outra banda, porque normalmente tómanme a min como modelo da talle XXL, o cal se afasta bastante da realidade, porque uso unha 44. Deste xeito, rapazas con máis talle seguirán sentíndose obesas ao verse representadas por modelos máis delgadas que elas. Pero, afortunadamente, tamén teño que dicir que xa coñezo un par de casos de rapazas adolescentes que comezaban a estar obsesionadas coa delgadeza e que as súas nais puxéronme de exemplo para loitar contra iso. Alégrome moito.
-¿Que é o máis lle gusta do seu traballo como modelo profesional?
-A pesar de ser un traballo co que nunca soñei, teño que recoñecer que todas as miñas experiencias foron moi boas. Pero realmente polo que me parece máis interesante é porque teño a oportunidade de coñecer o interior do mundo da moda, os mecanismos que se utilizan para transformar a realidade, para crear unha imaxe perfecta que nada ten que ver coa realidade.
-¿E o que menos lle gusta?
-O feito de que ti só es valorada pola túa aparencia física, como imaxe, nada importas como persoa.
-Ademais de estudar e traballar como modelo, vostede tamén colabora con varias oenegués, ¿non si?
-Aínda que a vida de modelo tamén me ofrece a oportunidade de viaxar, que é unha das miñas grandes paixóns, cando eu realmente disfruto é cando podo entrar en contacto coa xente do lugar. Dende hai xa tempo que estou interesada polo mundo da cooperación e durante os dos últimos veráns viaxei a Ecuador e México como voluntaria dun programa chamado Campos de Solidaridad, organizado pola oenegué Setem. Foron dúas experiencias estupendas.
«Normalmente
tómanme como modelo XXL, aínda que uso un talle 44»